A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia participa no IV Ciclo da Universidade de Santiago, destinado a atender as necesidades de formación permanente das persoas maiores. Faino a través dun seminario centrado nas principais indicacións actuais da balneoterapia, para o que se conta coa participación de directores médicos de centros termais da nosa comunidade. É unha iniciativa realizada en colaboración co Concello de Ribeira, dentro das actividades do Campus Itinerante da USC.
O curso inaugurouno esta semana a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal, no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. Conta coa asistencia de 27 alumnos. Tal como explica o doutor Gestal, “son catro sesións coas que se pretende que os asistentes coñezan en que consiste a balneoterapia e as súas principais indicacións actuais nas que existe evidencia científica”. Están a ser impartidas, ademais de polo doutor Gestal, polos directores médicos de Caldelas de Tui, Elías Festa; Iberik Augas Santas (Pantón), Antonio Freire; e Mondariz, a doutora Laura Gómez.
No transcurso destas xornadas estanse a abordar aspectos como os diferentes tipos de augas mineromedicinais que existen e as indicacións terapéuticas de cada unha, a aplicación da balneoterapia para o tratamento de enfermidades respiratorias e das doenzas reumáticas. Así mesmo, estase a tratar a reeducación funcional dos pacientes nos centros termais, que se presenta como un medio moi valioso como terapia coadxuvante na prevención e recuperación funcional de alteracións do aparato locomotor, do aparato respiratorio, doenzas neurolóxicas ou postraumáticas, e mesmo para a recuperación da Covid e da Covid persistente.
O doutor Gestal salienta que “a balneoterapia ten hoxe indicacións con evidencia científica para o tratamento coadxuvante de numerosas patoloxías, e mesmo nalgunhas como tratamento de primeira opción como na psoríase”. E manifesta que Galicia ten unha importante riqueza termal apenas utilizada, e que “na actualidade, os cambios socio-demográficos, cunha poboación cada vez mais avellentada pero que desexa gozar dunha cada vez mellor calidade de vida, e sanitarios, cunha frecuencia cada vez maior de enfermidades crónicas, está a demandar a inclusión da balneoterapia nas prestacións do Sistema Nacional de Saúde, ao mesmo nivel que noutros países do nosa contorna como Francia, Italia ou Alemaña”.
O curso remata a vindeira semana, cunha visita ao Balneario de Compostela, situado na localidade coruñesa de Brión.
PRENSA_ 981 554 407 / 639 768 929 ….. www.vialactea.es