A Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, informou da apertura do prazo para presentar proxectos á segunda edición do certame Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galicia, cuxo obxectivo é “contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do noso reino medieval. Contempla un orzamento total de 200.000 euros, con 10.000 euros para cada un dos 20 proxectos premiados. O prazo de presentación remata o 25 de abril. As contribucións presentadas deberan versar sobre a historia, figuras e momentos do Reino. Permítese (aléntese) a diversidade de formatos e soportes, dende contidos audiovisuais a material de mercadotecnia, pasando por espectáculos ao vivo, exposicións, intervencións de cultura urbana, libros ou discos.

En canto aos contidos, os proxectos referiranse á historia do Reino de Galicia como tal ou á aspectos particulares e vinculados directamente a este (figuras históricas, espazos, épocas, etc.). Poderán presentarse á convocatoria propostas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de marzo de 2024. Non se admitirán aquelas que supoñan unha continuidade ou fases sucesivas de traballos xa premiados na edición de 2022. Tampouco poderán participar as persoas físicas ou xurídicas que fosen premiadas no ano 2022 noutros premios ou certames convocados polo Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación.
A entidade provincial lembra que a esta convocatoria presentáronse na pasada edición un total de 127 proxectos que incluían desde curtas de animación, xogos interactivos, xogos de mesa, intervencións urbanas, roteiros físicos e virtuais, propostas escénicas, ensaios, antoloxías, álbums ilustrados, discos e ata propostas para series de televisión.
Foi con esta convocatoria coa que a área provincial de Cultura iniciara a súa liña de traballo centrada na posta en valor do Reino Medieval de Galicia e que continuara coa celebración do primeiro congreso internacional sobre esta materia.
Ao igual que no pasado exercicio, nesta nova edición, unha vez se peche o prazo de presentación, será unha unha comisión de valoración a que se ocupe de valorar todas as propostas para elixir os 20 proxectos gañadores.



