A Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son) volve este mes de abril a sumar forzas para sacar o máximo rendemento da extracción e comercialización da resina, un labor que se complementa previamente cunha formación específica que mostra os procesos para obtela (un curso por ano, o último dos cales desenvolveuse en marzo cuns vinte asistentes).

Esta actividade comercial comezou hai aproximadamente media década, e a través dela a comunidade foi quen de crear media ducia de postos traballo en cada tempada de extracción. En termos máis concretos e para facernos unha idea da actividade despregada, os arredor de 24.000 piñeiros que xestionan os comuneiros de Baroña xeran ao ano arredor de 55 toneladas de resina que logo se exportan a outras zonas da xeografía estatal, onde se transforma, en diferentes plantas, en produtos variados como cosméticos, aromas, adhesivos, vernices, tintas, aceites esenciais ou disolventes industriais.
Segundo fixeron saber os integrantes da entidade, as expectativas melloran cada ano e proba diso é que este 2023 vaise sumar á campaña a Comunidade de Montes de Nebra.
Este mes de abril dará comeza unha nova campaña de recolección. Arrinca coa extracción da cortiza dos piñeiros para que os comuneiros poidan facer os furados no tronco que permitan a obtención do produto (xa no mes de maio, estendéndose o proceso até ben entrado o outono).




