Como unha clara violación dos dereitos fundamentais dos nenos, o traballo infantil concérnenos a todos. Así, non é de estrañar que a propia Organización Internacional do Traballo (OIT) desexe intensificar a loita contra o traballo infantil xa que aínda persiste unha gran disparidade entre a ratificación dos convenios sobre traballo infantil e as accións que os diferentes gobernos emprenden para enfrontarse a este grave problema.
Por desgraza, non hai lugar para a compracencia cando 215 millóns de nenos seguen traballando para sobrevivir e máis da metade deles están expostos ás peores formas de traballo infantil, incluíndo a escravitude e a participación en conflitos armados. As novas estimacións, de varios organismos internacionais, publicadas recentemente, mostran que uns 5 millóns de nenos están atrapados en traballos forzosos, iso inclúe condicións de explotación comercial con fins sexuais e servidume por débedas.
Deixemos que os nenos se desenvolvan plenamente e para iso habería que garantir un traballo decente para os pais, e educación para os nenos xa que son elementos indispensables das estratexias da OIT dirixidas á eliminación do traballo infantil. Xa polo ano 1.973 a OIT elaborou un convenio internacional global sobre a idade mínima de admisión ao emprego, sinalando no seu artigo 1 que “todos os países comprométense a seguir unha política nacional que asegure a abolición efectiva do traballo dos nenos e eleve progresivamente a idade mínima de admisión ao emprego ou ao traballo a un nivel que faga posible o máis completo desenvolvemento físico e mental dos menores”.