Nas vindeiras semanas actuarase tamén para reparar os danos da choiva en varios camiños rurais

O Concello de Outes vén de aprobar varias actuacións en materia de mellora de camiños rurais que se incluirán no Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024, financiado por AGADER, e no que se investirán perto de 85.000 €. O ente autonómico achega 69.714 €, aportando o resto o concello de Outes. En concreto, arranxaranse tres camiños na parroquia de Valadares que lle dan acceso aos lugares das Touzas e Guimarei, Xendil e Lestaio, cun investimento total de 41.138 €. Outro tres camiños incluídos no plan sitúanse nas parroquias de Outes, O Freixo e Roo, e servirán para mellorar os accesos aos lugares de Cambeiro e Cures, Castasueiro e Roo de Arriba. Neste caso o investimento é de 43.215 €. Prevese que as obras se leven a cabo entre setembro de 2023 e febreiro de 2024.
O alcalde, Manolo González, indicou que estas actuacións están destinadas ao mantemento e mellora dos accesos aos núcleos rurais, e complementan as obras xa aprobadas nos Plans de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, que se executarán nos vindeiros meses e que abarcan todas as parroquias do concello. González indicou que son moitas as necesidades de mantemento dos camiños rurais, dada a ampla extensión da rede de camiños municipais de Outes con perto de 600 kms. “Somos conscientes que hai necesidades de mellora sen atender, pero iremos acometéndas pouco a pouco”, salientou.
Do mesmo xeito indicou que nas vindeira semanas se vai proceder a realizar unha actuación urxente de reparación de fochancas en diversos camiños das parroquias de Entíns, Tarás, Cando, Santo Ourente e Valadares, moi afectadas polas fortes choivas do inverno pasado.
--



