
Menos mal que o eurocomisario Sinkevicius non ten gaita que tocar no seo da Organización de Nacións Unidas (ONU) porque, de non ser así, o mar de lonxe, ese no que non mandan os países ou estados da ribeira dos océanos, sería unha outra caixa na que gardar as manías sen clarexar dabondo pola que o eurocomisario vive para non deixar vivir aos pescadores, neste caso comunitarios europeos.
O conto ven dun Tratado acadado no seo da ONU o pasado domingo que tenta protexer o mar de lonxe -ou alto mar- polo menos nun 30% dos océanos. Un pacto considerado vital para salvar os océanos do planeta Terra que, curiosamente, pode contribuir a salvar a pesca de longa distancia, prácticamente o único recurso que queda con posibilidades de captura se as frotas chinesa e coreana o permiten.
Todo queda xa que logo a expensas desa salvagarda de cando menos o 30% dos océanos e coa ollada posta no devandito ano 2030. Un acordo que a Alianza de Alto Mar (no que converxen organizacións mariñas, ecoloxistas e de defensa ambiental que califican de “histórico” e de “enorme paso para protexer legalmente con santuarios oceánicos a vida mariña e adaptar a gobernanza do alto mar ao século XXI”.
Son augas situadas máis aló das 200 millas da costa, compartidas por todos os países, que foron xestionadas mediante acordos e organismos internacionais carentes de xurisdición clara, sen moita coordinación e con normas non axeitadas para a súa proteción.
Este novo tratado enmárcase na Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar e formula a necesidade de “asegurar a conservación e o uso sustentable da diversidade biolóxica mariña das zonas situadas fóra da xurisdición nacional.
Compre esperar que, antes de 2030, quede branco sobre negro cal vai ser o papel a desempeñar nos océanos polas empresas interesadas na estración de metais do fondo mariño.
Un, escarmentado, quixera saber ata que punto queda “atado y bien atado” este aspecto.