Este mércores 22 de marzo, o director de Recursos Humanos da empresa da nosa comarca CONGALSA, Juan Carlos Rama, visitou as instalacións da Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional en Ribeira para ofrecer unha charla sobre a súa visión e experiencia profesional. Esta sesión enmarcouse na formación en Industrias Alimentarias que se está impartindo no Centro de Recursos da Asociación Ambar, unha acción formativa financiada pola Fundación ONCE, e polo Fondo Social Europeo, Iniciativa de Emprego Xuvenil no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEJ).

Á xornada asistiu o alumnado da formación sobre Industria Alimentaria. A través desta acción, explicaron fontes de Ambar, “trátase de promover a sustentabilidade e a calidade no emprego, favorecer a mobilidade laboral, así como reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas e non integradas nos sistemas de educación ou formación”.
Tamén estiveron presentes na sesión Milagros Rey, presidenta de Ambar; Helena Teira, coordinadora xeral; Jaime Capilla, coordinador da formación; Daniel Tojo, orientador laboral; Irene Paz, mestra da formación e Laura Pego, coordinadora de comunicación.

O acto dividiuse en tres partes: presentación, rolda de preguntas e un café con charla informal. Na súa presentación, Juan Carlos afondou en varios aspectos da empresa da que forma parte, comezando pola súa orixe nos anos noventa, pasando pola estratexia, os retos, as súas marcas, as socias coas que traballan ou os proxectos sociais que impulsa, como por exemplo o Proxecto Persoas.
Na rolda de preguntas o relator resolveu dúbidas de todo tipo, tratando dende temas como os procesos e elaboración dun produto, dos aspectos a valorar nunha persoa profesional á hora de contratala, da importancia que ten a formación e coñecer as liñas e lugar de traballo ou de como poden variar os ritmos dependendo de cada posto.
Esta foi a segunda xornada dun ciclo de conferencias con profesionais con experiencia na Industria Alimentaria, ciclo que comezou o pasado xoves 16 ca charla do xefe de cociña de Gastrolab Arousa, Miguel Mosteiro, e que terá continuidade nas vindeiras semanas.




