A través dunha proposición non de lei, defendida pola deputada pobrense Rosana Pérez, o BNG logrou un “acordo unánime” na Comisión de Sanidade para responder de “maneira urxente” ás demandas dos profesionais do servizo de urxencias do Hospital de Barbanza e iniciar “as contratacións necesarias e con condicións dignas para paliar a actual situación, antes de que se converta en irreversíbel e a atención sanitaria na comarca se sitúe á altura de 25 anos atrás”, dixo a deputada.
Na defensa da proposta, a nacionalista explicou que o Hospital do Barbanza cumpriu recentemente 25 e que se ben a renovación dos hospitais resulta sempre necesaria (de acordo aos plans do Goberno galego para poñer a punto este tipo de instalacións e servizos), porén, comentou, “debe ser prioritaria a dotación dun cadro de persoal que responda ás necesidades e condicións laborais dignas para manter unha atención sanitaria de calidade”.
Para a parlamentaria do BNG, despois de 25 anos “hai moi poucos motivos de celebración no Hospital do Barbanza porque lonxe de mellorar, empeora día a día”.
Rosana Pérez criticou que, tanto o conselleiro como distintos cargos da Consellería de Sanidade repiten que “a asistencia sanitaria nos hospitais comarcais está garantida e venden esta asistencia pública como un éxito da súa xestión”, polo que preguntou en “que condicións está a garantirse, cando en realidade a carga asistencial que soportan os profesionais provocan cada vez máis baixas e deserción da sanidade pública”.
Por outra parte, recriminou a “falta de diálogo” da administración cos profesionais dos centros sanitarios, “non escoitan as súas demandas, non analizan polo miúdo as necesidades dos centros e tampouco toman medidas para melloralas”. Agardamos, dixo, que o acordo unánime acadado este 30 de marzo sexa un primeiro paso para paliar as extremas condicións que están a empeorar un servizo que neste momento resulta “insostible”. A área de Urxencias, comentou, “foi unha desas zonas do hospital da Barbanza que se renovou non hai moito tempo pero malia a esa necesaria e moi reclamada renovación, o deterioro do servizo é clamoroso”.
Na súa intervención tamén denunciou “contratos indignos”, por días, avisando no mesmo día da quenda de traballo, persoal que no que vai do ano 2023 aínda non puido desfrutar das vacacións do 2022, sobrecarga de traballo porque o cadro de persoal non se corresponde coas necesidades reais, un déficit de 4 profesionais médicos cuxo traballo recae sobre os demais e cunha particularidade engadida: “As Urxencias do hospital son as que fan a asistencia a pacientes críticos ou inestábeis é son as que se encargan dos traslados -con persoal médico e de enfermería- a Santiago”.