Milleiros de persoas claman en Noia contra a autorización de verteduras da mina de San Finx

04 Marzo 2023

Este sábado, 4 de marzo, a comarca de Muros e Noia uniuse nunha reivindicación común: amosar a súa firme oposición á autorización de vertidos de augas residuais procedentes da mina de San Finx. ¡Mina non, ría si!, foi a proclama da protesta.
A chamada da Cofraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, xunto á Cofraría de Pescadores S. Andrés de Portosín e Mexilloeiros Olvimar, resultou todo un éxito de convocatoria coa presenza diante da Casa do Concello de Noia de máis de 3.000 asistentes a unha mobilización que reclamou á Xunta de Galicia que retroceda na autorización do vertido á rede fluvial da ría de centos de miles de metros cúbicos de
achiques de mina, cargados con metais pesados como o cadmio, cobre e zinc, procedentes da antiga mina de volframio e estaño de San Finx, en Lousame. Un feito inaudito e perigoso para a propia existencia da comarca.
Traballadores do mar, do sector do comercio e da hostaleira que pechou as súas portas para participar na marcha, da industria conserveira e das depuradoras, asociacións deportivas e culturais xunto a entidades da Ría de Muros-Noia, amosaron estar unidos para reclamar ao goberno galego que de marcha atrás nunha decisión que supón un irreparable dano á biodiversidade e á riqueza da Ría de Muros-Noia.
Tamén estiveron esta mañá fronte ao Concello membros de colectivos como Adega, Verdegaia ou Ecoloxistas en Acción, e representantes dos partidos políticos así como alcaldes da comarca xunto a organizacións sociais que durante estes días fixeron público o seu apoio a esta mobilización.
Liliana Solís, bióloga da Cofradía de San Bartolomeu de Noia, tomou a palabra xunto a representantes dos ecoloxistas, e os patróns maiores de Portosín, Isaac Gaciño, e da Cofradia de San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz, que amosaron a súa repulsa a esta decisión da Xunta deixando patente que se trata dunha “loita polo futuro da xente do mar e por sectores estratéxicos para a economía local como o comercio e a hostalería, polo futuro da nosa ría, do noso pobo e desta comarca”.
“Desde a nosa Cofradía facemos un chamamento á cordura da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o do conxunto do goberno galego para que se paralice a autorización. A Xunta debe resolver de inmediato o recurso e a solicitude de medidas cautelares, e por suposto continuaremos o proceso xudicial. De feito, xa se presentaron tres querelas contra os técnicos da Xunta”, sinalou Santiago Cruz no acto diante do Concello de Noia.
Porque a pregunta que todos se fan na comarca é: “Como se pode permitir o baleirado de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados cando a mina non conta cos permisos necesarios para funcionar?”
No manifesto que leu diante de milleiros de persoas esta mañá quedou claro que son poucos os que creen que existen garantías medioambientais neste proceso e que, “por incrible que pareza é a propia Xunta de Galicia a que pon en risco un dos bancos marisqueiros máis importantes do mundo”. “Ningún entende a decisión porque dos 70 empregos que pode dar a mina, serían “máis de 4.000 que perigan se atentan contra a nosa ría”, insisten.
Na mobilización avanzouse tamén que haberá novas protestas en Santiago fronte á Xunta e en outros puntos da comarca. “Temos a verdade por diante”, insistiu Santiago Cruz que chamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a coller o timón “como dicimos os mariñeiros e tome un bo rumbo”. Porque se a administración non rectifica recorrerase cun proceso Contencioso Administrativo “para intentar parar isto”. “Pero ogallá rectifique porque somos mariñeiros e o que nos gusta é traballar”, aseverou o
patrón maior.
Dende a Cofradía de Pescadores San Bartolomé de Noia, a Cofradía de Pescadores de Portosín e Mexilloeiros Olvimar pediuse unidade nesta loita. “Hai que moverse, temos que facer que se nos escoite. Temos que loitar agora porque despois será demasiado tarde”. Unha proclama coreada dende as voces de toda a comarca baixo o lema: “Non a mina, si a ría!!.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.