O mandatario local estivo acompañado de compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE e de veciños e veciñas de Boiro Boiro, 3 de marzo de 2023. José Ramón Romero García, Martiño, presentou este venres a súa candidatura ás eleccións municipais de maio de 2023 co foco posto en tres obxectivos: potenciar o sector empresarial con máis chan industrial, novas infraestruturas e lograr para Boiro a ansiada residencia da terceira idade.
O acto comezou cun coloquio no que os compañeiros destes catro anos de goberno, Luis Ruiz, María Outeiral, Marcos Fajardo e Raúl Treus, destacaron algúns dos feitos consecuencia do goberno socialista en Boiro.
Melloras na cultura, no sector comercio, en servizos sociais… “Boiro ten as condicións para ser un referente e nos temos novos retos e novas ilusións que sacar adiante nos vindeiros anos”, recoñeceu Martiño.
Durante a súa intervención o candidato puxo o foco no sector empresarial que “consegue que este pobo estea sempre en continuo movemento”. É por iso que a ampliación de chan industrial é algo fundamental
para o desenvolvemento de Boiro e afirmou que, de man dos empresarios, estamos ultimando a proposta para contar en Boiro cunha nova bolsa de terreo industrial xa que “por aí pasa o noso futuro, os dos nosos fillos, que queren levar a cabo en Boiro un proxecto de vida no seu pobo”.
Outro dos obxectivos aos que Martiño fixo alusión durante a súa presentación foi a poñer en marcha medidas encamiñadas a favorecer o aumento poboacional. “Pasar dos 20.000 habitantes vainos permitir acceder a recursos que neste momento non temos e que axudarán a mellorar infraestruturas e servizos moi necesarios para o desenvolvemento de Boiro”. O rexedor local afirmou que “temos a sorte de ter unha orografía que nos vai permitir medrar de forma ordenada e desfrutar dun entorno privilexiado”.
“Infraestruturas como a estrada proxectada en Berres, que pronto será unha realidade, e que unirá os viais de Cabo de Cruz e Abanqueiro, saída natural para os vehículos sen necesidade de pasar polo casco urbano é clave para o desenvolvemento e o avance do noso concello”, afirmou Martiño.
Finalmente puxo o foco na residencia da terceira idade, para a que hai máis de 2.500 firmas de veciños e veciñas que a demandan. “Dende que entramos no goberno este é un dos nosos principais obxectivos. Primeiro puxemos a disposición da Xunta de Galicia os terreos e realizamos tamén o anteproxecto para facilitarllo e lograr o financiamento… non imos parar ata conseguir para a veciñanza de Boiro esa residencia que tanto se necesita”, sentenciou Martiño.
“Fai catro anos presentabámonos a unhas eleccións coa ilusión de facer as cousas de forma distinta en Boiro e lográmolo… agora queremos seguir igual, mostrando a capacidade, o traballo e as ganas que temos por lograr facer de Boiro o mellor lugar para vivir”, recoñeceu.
Os socialistas de Boiro traballan por construír un proxecto para os vindeiros catro anos que continúe a liña de progreso comezada no 2019 e co que se logrou un cambio substancial en Boiro con novas infraestruturas e servizos para os veciños e veciñas de todas as parroquias, dende o casco
urbano aos núcleos do rural.
O candidato á alcaldía de Boiro nas eleccións municipais de maio de 2023 estivo arroupado pola veciñanza do municipio, ademais de Patxi López, secretario de Política Federal; Valentín Formoso, secretario xeral do PSdeG- PSOE e presidente da Deputación coruñesa; Bernardo Fernández, secretario
provincial; compañeiros e compañeiras do goberno e militancia e alcaldes e alcaldesas doutros municipios.