O Concello de Ribeira informou da licitación dunha nova actuación dirixida á ampliación e renovación do parque infantil de Pedra Pateira, situado no barrio de Bandourrío: unha intervención cuxo orzamento ascende a 171.831,47 euros con IVE, financiado dentro do plan POS+2021.

O Concello explica que na actualidade este parque presenta “unha capacidade insuficiente para os usuarios que o frecuentan” e, ademais, “parte dos xogos infantís están bastante deteriorados”. Por outra parte, o camiño de saburra que comunica as zonas infantís enchóupase con certa frecuencia cando chove e os accesos ao parque non conta dunha anchura adecuada.
Coa finalidade de mellorar todos estes aspectos, os servizos técnicos municipais redactaron un proxecto que “permitirá adaptar as características do recinto infantil de Pedra Pateira ás necesidades actuais”. Así, vanse desmontar os xogos existentes no espazo destinado aos nenos e nenas de menor idade e demoler o caucho sobre o que se sitúan. Tamén se demolerán os accesos actuais e estenderase unha soleira de formigón coa que incrementar a superficie da área recreativa.
Logo executaranse novos camiños accesíbeis de entrada ao parque e instalaranse unha serie de brinquedos, entre os que se inclúen un equipo combinado para idades entre 4 e 14 anos, un carrusel tipo balancín, tres resortes, un rocódromo e outro equipo combinado para idades entre 2 e 10 anos, entre outros.

Amais, estenderase unha capa de caucho continuo de distintas cores e espesor variábel en función da altura de caída dos xogos. Por outra parte, a valla perimetral actual será substituída por outra nova, será executada unha liña de pluviais para evitar a acumulación de auga superficial. O prazo de execución son dous meses.
As empresas interesadas dispoñen ata o 28 de marzo á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).



