FEGADACE e o Concello de Boiro organizan unha charla para sensibilizar sobre o dano cerebral e como previlo

03 Marzo 2023

FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) e o Concello de Boiro colaboran na sensibilización e prevención do dano cerebral cunha charla. Será este luns 6 de marzo, no Centro Social da vila. A actividade forma parte do programa de divulgación da primeira das entidades, que ten os obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

A sesión informativa está dirixida a todo tipo de público e nela a traballadora social de FEGADACE e unha educadora social da Asociación Sarela falarán da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do IMSERSO. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo a Boiro: Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela.

A charla vai ter lugar o luns 6 de marzo ás 11:00 horas no 1º andar do Centro Social (rúa Manuel María, 1) de Boiro.

A organización desta actividade conta coa colaboración do Concello de Boiro e co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE en Lugo, Alento (Vigo), DCA Ourense e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.

Outros artigos

Os Bombeiros de Boiro sufocan un incendio nunha parcela en Aguiño

Os bombeiros do parque Provincial de Boiro recibiron este sábado 14 de setembro, arredor das 6.24 horas, un aviso no que se lles informaba dun lume na rúa Falcoeiro, na parroquia de Aguiño, no concello de Ribeira. Á súa chegada ao lugar, o persoal da agrupación...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión