“Dignidade, unha verba que os pensionista galegos non pronuncian”. Antón Luaces

Moitos son os galegos -e os do Barbanza non son poucos no territorio- que traballaron e viviron e viven en pobos e cidades de Euskadi. Non sei se algúns deles, agora na súa condición de pensionistas, figuran entre os que, tamén en pobos e cidades, forman parte do colectivo “Movemento de Pensionistas de Euskal Herria” cuxos integrantes van remudándose día a día en xexúns diarios que alternan entre eles para que Euskadi e Navarra non esquezan o movemento que, desde vai xa catro anos, reclama pensións dignas, pensións que lles permitan vivir con dignidade, sen as moitas carencias que se nos veñen enriba unha vez que nos comunican cal é a nosa vida laboral e o que dela podemos agardar en canto chegue ese día decisivo que para uns pode ser de liberación e, para outros de sufrimento, preocupación, desequilibrio constante. Porque hai algo que non temos en conta moitas veces cando falamos do que de liberación significa o feito de deixar de depender dun xefe, dunha empresa, dun emprego, dunha dependencia: o seguinte día ao da túa  xubilación tes as mesmas obrigas, as mesmas necesidades, pero cuns ingresos económicos que son, no mellor dos casos, a metade do que percibías precísamente ata que vinte e catro horas antes te xubilaches.

Pois isto é o que berran en silencio -ás veces non- os pensionistas vascos: pensións mínimas de 1.080 euros en 14 pagas anuais.

Cavilamos sobre cantos galegos dispoñen agora mesmo dunha pensión de 1.080 euros?. Cantas viúvas, por exemplo, cobran unha pensión que apenas chega -após a suba do 8,5% aprobada recentemente polo Goberno- a 700 euros (que non chega a 1.400 coas pagas extraordinarias de xuño e decembro) e que teñen que seguir a vivir, tirando para diante e, en moitas ocasións, axudando a vivir a fillos e netos?…

Pois a conciencia e a consciencia dos pensionistas vascos lévaos a accións como a citada de reclamar pensións mínimas de 1.080 euros. Traballadores de onte que vivían dignamente e van achegándose ao remate da súa vida  comprobando que esta non vale nada máis aló dun papel que certifica que és un pensionista de 2.023, ano no que ainda non chegas a percibir o que a empresa debe pagar a un traballador como salario mínimo interprofesional.

Porque non se che considera un traballador en activo. Eres un pensionista, non un inactivo, e non tés dereito  a un salario mínimo senon a unha pensión tan mínima  que non podes acender o sistema de calefacción que antes, cando eras un traballador en activo, mantiñas con 20 ou 21 graos cando pola idade non precisabas máis ca unha manta riba do cobertor.

Que menos ca o SMI como referente para unha pensión mínima?.

Os vascos revisten de dignidade a reclamación. Os galegos levan a reclamación á tintorería  para tinguila de petición, como se o dereito a vivir non fora con eles.

Os pensionistas vascos saben realmente esixir o que lles corresponde por dereito malia que por lei non  se lles outorgue. Algunha vez chegará o día de petar na mesa, ou?.