Boiro será o anfitrión de Os 100 do Barbanza a prestixiosa proba de trail que percorre os montes da nosa comarca os días 24 e 25 de xuño

01 Marzo 2023

Boiro será o anfitrión da oitava edición da proba deportiva Os 100 do Barbanza que organizan os International Trekkers de Barbanza e Sar e que se celebra este ano os días 24 e 25 de xuño de 2023. Na presentación da nova edición da proba, celebrada no Consistorio boirense, participaron (entre outras/os) o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o presidente da asociación, Francisco Alcalde; o director técnico, Xavier Boullón; e a vogal de sendeirismo da Federación Galega de Montañismo, Laura Lado; xunto con alcaldes e concelleiros dos municipios polos que pasa a proba.

Segundo lembraron, Os 100 do Barbanza é unha proba de trail de 100 quilómetros que se realiza en 24 horas e que este ano forma parte da Liga de Sendeirismo de Galicia e da Liga Ibérica. “É unha proba de ultrafondo e ultradistancia das máis importantes do territorio nacional, e que supón un desafío persoal e deportivo”, recoñeceu o presidente da entidade.

Dende 2014

A historia desta proba, que pasa polos concellos de Boiro, A Pobra, Ribeira, Porto do Son, Noia, Lousame e Rianxo, remóntase ao ano 2014 e naceu co obxectivo “de dar a coñecer lugares senlleiros dos municipios, recuperar camiños esquecidos e tamén promover a paisaxe, a gastronomía, o turismo e a cultura da comarca”.

Segundo fixo saber o director técnico dos International Trekkers, o percorrido de 100 quilómetros deste ano pasa por un total de 25 parroquias dos 7 concellos e conta cunha subida acumulada de 2.600 metros. “Trátase da única proba de 100 quilómetros que se celebra en España e que ten detrás un gran esforzo e implicación de todos os concellos polos que transcorre”, afirmou Laura Lado, engadindo que se trata dunha importante cita deportiva non competitiva e cun máximo de 300 inscricións.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, convidou á veciñanza dos sete concellos a que se sume a participar desta proba deportiva que “non só potencia o deporte senón que tamén a nosa natureza, a nosa paisaxe, a nosa cultura e a nosa gastronomía… para Boiro é un orgullo poder ser o anfitrión desta proba”.

As inscricións para participar na VIII edición de Os 100 do Barbanza abren este venres día 3 de marzo e poden facerse a través da páxina web www.itrekkers.org.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.