BNG esixe a reapertura da Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal

17 Marzo 2023

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a candidata da organización á alcaldía da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, achegaron este venres 17 de marzo unha rolda de prensa relativa á Capitanía Marítima da Pobra. Na rolda, realizada dende a propia vila do Caramiñal, denunciaron a falta de previsión do Goberno do Estado para “asegurar a cobertura das prazas vacantes na Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal”. Lembraron tamén que agrupación nacionalista ten rexistradas iniciativas para que o Executivo rectifique e abra de maneira inmediata a capitanía dotándoa do persoal necesario. Así mesmo, acompañados da deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, mantiveron un encontro co sector do mar para falar sobre as numerosas iniciativas presentadas na Cámara galega e no Congreso, así como escoitar as súas demandas e inquedanzas.

A situación

Rego, Cerecedo e Pérez recordaron que após a xubilación da totalidade dos funcionarios da Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal o Goberno do Estado “continúa sen cubrir as prazas vacantes, unha situación que provoca que as dependencias se manteñan pechadas, agás os xoves, e que non presten os servizos necesarios”.

A carga de traballo e a atención ao público derivouse até as oficinas de Ribeira, lembraron, engadindo que “a Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal é a máis antiga da comarca da Barbanza e semella que non existe vontade política para que a actividade e o servizo que nela se preta non continúe”.

Amparo Cerecedo fixo saber ue o “desmantelamento forzado” comezou despois de que en xullo de 2021 se retirara o xefe territorial, momento en que tan só dous funcionarios prestaban servizo. “Pola contra, en decembro de 2022 acadaron a idade de xubilación e a Capitanía ficou sen persoal” lamenta Cerecedo.

A candidata do BNG á alcaldía da Pobra do Caramiñal sinalou que o distrito ofrece servizo a un amplo ámbito: “Da Punta Aguiuncho, na parroquia ribeirense de Palmeita, até Portomouro, pertencente a Abanqueiro, en Boiro, co que se inclúen as flotas de Cabo de Cruz, Escarabote, A Pobra e Palmeira”.

E engadiu Rego: “O executivo debe rectificar e asegurar a cobertura das prazas vacantes na Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal. Por este motivo, rexistramos no Congreso iniciativas para que se reabran as dependencias e se retome a prestación do servizo”.

De maneira inmediata, apuntou Néstor Rego, o Goberno debe realizar todas as xestións necesarias para incorporar o persoal funcionario necesario -cubrindo todas as prazas vacantes- e garantir a calidade do servizo.

Para o deputado nacionalista, é inxustificábel a falta de previsión da Administración do Estado. “Esta falta de vontade é gravísima. O Goberno debe rectificar e proceder a apertura inmediata da Capitanía da Pobra, dotándoa de persoal suficiente igual que no resto de servizos da Galiza” reclama Rego.

Xuntanza co sector do mar

Tanto o deputado do BNG no Congreso como a candidata da fronte nacionalista á alcaldía da Pobra do Caramiñal, Néstor e Amparo, participaron nun encontro aberto con representantes do sector do mar. Na xuntanza tamén participou a deputada do BNG no Parlamento de Galiza e portavoz de Pesca, Rosana Pérez, que reiterou o compromiso da organización nacionalista co sector.

Pérez puxo o foco na “falta de actuacións por parte da Xunta para evitar a caída progresiva de produtividade das rías nos últimos anos, xa que existe un baleiro de cobertura social diante da brutal mortalidade de marisco nas últimas semanas e as graves deficiencias dos espazos e servizos portuarios”, denunciou, engadindo que “a Xunta renunciou a exercer consenso entre bateeiros e percebeiros, actuando de xeito totalmente errático desde a normativa de 2019, inclusive fomentando a división e o enfrontamento entre os sectores”.

O deputado do BNG no Congreso destacou o traballo que está a desenvolver na Cámara Baixa en favor do sector do mar. “Non houbo problema no sector ao longo desta lexislatura que o BNG non tivese presentado iniciativas no Congreso, contribuíndo de maneira positiva á resolución dos conflitos”, salientou Rego, poñendo o foco en iniciativas como a demanda para estabelecer axudas á frota pesqueira galega pola suba desproporcionada do prezo dos carburantes ou as reclamacións para o aumento das cotas pesqueiras para a flota, como poden ser a do xurelo e a sardiña, entre outras; ou tamén a loita polo mantemento da actividade do sector mar industria na costa galega afectado pola Lei de Cambio Climático.

“Propuxemos en reiteradas ocasións a baixada do IVE a produtos pesqueiros e marisco. Agora coa suba de prezos reclamamos a supresión do mesmo, para axudar ao sector e contribuír a que a sociedade puidese ter unha dieta equilibrada”, engadiu. “Exiximos a dotación de persoal e a reapertura de servizos nos ISM e outras administracións instaladas no País para dar cobertura a todas as demandas existentes, tanto para garantir a atención persoal como para a formación dos diversos cursos que se ofertaban”, subliñou Rego.

Outros artigos

O Pazo da Mercé, na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra

A Lista Vermella do Patrimonio que mantén actualizada online a asociación Hispania Nostra denunciando o estado de abandono dos tesouros da xeografía española, vén de engadir un novo inmóbel do Barbanza aos seus rexistros, que sumar á Casa da Cadea (A Pobra) e a...

+

A Pobra volveu tinguirse de cor morada co Nazareno

Devoción. Ese é o sentimento que se palpaba na Pobra do Caramiñal nun dos seus grandes días con motivo da procesión votiva das mortallas. O terceiro domingo do mes de setembro volveu tinguirse de cor morada e ulir á cera das candeas prendidas.O repique das campás...

+

Detido por suposta venda de drogas na Pobra do Caramiñal

A Garda Civil detivo ao suposto responsable dun punto de venda de drogas na Pobra do Caramiñal. Tras varias denuncias que situaban a venda de estupefacientes vinculada ao posteriormente detido, comezou unha investigación que terminou con dous axentes sorprendendo ao...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión