A Piscina Municipal de Boiro abriu este mércores 1 de marzo as súas portas logo das obras de renovación que se realizaron en boa parte das instalacións. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Deportes, Dores Torrado, visitaron as instalacións para supervisar o seu estado antes da apertura ao público.

Segundo lembraron, a Piscina e o Complexo da Cachada foi obxecto nos últimos tres anos de importantes actuacións para a súa renovación por un importe de máis de 600 mil euros. “O estado no que se atopaban as instalacións era insalubre, as obras que se acometeron permiten agora ter unhas instalacións en condicións e acordes coa actividade deportiva e veciñanza de Boiro”, sinalou o alcalde.
As últimas actuacións que se levaron a cabo foron as da renovación integral dos vestiarios e baños de toda a instalación. Os traballos, dun importe de 276.199 euros, englobaron a renovación dos vestiarios de acceso á piscina, nos que se ampliou a súa capacidade e se instalou unha sala con sauna, baño turco…; renováronse os baños públicos da planta baixa da instalación e tamén os baños da pista deportiva e vestiarios específicos de árbitros.

Ademais desta actuación de renovación integral dos baños, levouse a cabo tamén a renovación dos falsos teitos do vaso da piscina e corredores de acceso; realizouse a renovación da máquina de deshumidificación e renovación do sistema de filtrado da auga; instalouse unha caldeira de biomasa para mellorar a eficiencia enerxética da instalación; realizouse a mellora da iluminación e outras actuacións de mantemento xeral, como o pintado da instalación e outras reparación; fíxose a ampliación das gradas e leváronse a cabo melloras na pista, así como correccións nas entradas de auga e pingueiras da cuberta do pavillón.
O Concello de Boiro ten adxudicadas unhas obras para renovación da cuberta da pista deportiva. “Ata o de agora fixéronse reparacións puntuais para eliminar as filtracións de auga pero é preciso a súa renovación”, recoñeceu o alcalde. As actuacións que se van executar, dixo, implican a execución dunha cuberta a dúas augas con pendentes do 6% que se apoiará sobre a existente e que non a modifica.

Homologación para a obtención de marcas oficiais
A Federación Galega de Natación homologou a Piscina Municipal de Boiro para a obtención de marcas oficiais “o que supón unha mellora, sobre todo para o Club de Natación, xa que se poden celebrar nela competicións de todas as categorías e que ata o de agora non se podía e tiñan que celebrarse noutros municipios”, explicaron Torrado e Romero, engadindo que “aínda queda traballo por facer nas instalacións e queremos levar a cabo unhas obras para a creación de salas multideporte que permitan ampliar os servizos da instalación“. O obxectivo do Concello de Boiro é “realizar unha ampliación das instalacións e crear unhas salas multideporte para poder levar a cabo actividades dirixidas de forma simultánea”. O proxecto engloba tamén a creación dunha grada para a zona da piscina que non existe neste momento, buscándose non paralizar a actividade do complexo mentres a dita instalación colle corpo.
O Concello de Boiro traballa agora na municipalización da xestión e servizos das instalacións para garantir un servizo e mantemento adecuados das instalacións públicas municipais.
O horario de apertura das instalacións é de 8.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 23.00 horas de luns a venres, e de 8.30 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas os sábados. As inscricións poden facerse nas propias instalacións ou no departamento de Deportes do Concello de Boiro.



