
Con localizacións en Nigrán, Santiago. Lugo, A Coruña, Vilagarcía e Cerceda e intereses na reforma da estación de ferrocarril da Coruña para adaptala á alta velocidade, e entrar no negocio da éolica mariña con máis de 1.000 megavatios nas costas de Lugo e Pontevedra, Ferrrovial traslada a súa sede en España a Países Baixos. Esta decisión non foi ben recibida polo Goberno español, cuxa vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a coruñesa Nadia Calviño, respostou este mércores ao presidente executivo e máximo accionista de Ferrovial, Rafael del Pino Calvo-Sotelo, expresándolle o rexeitamento do Executivo que preside Pedro Sánchez ao traslado da multinacional española a Países Baixos.
Economía vai seguir de perto as posibles inspecións desta “errónea decisión” por se tratar dunha “empresa que debe todo a España”, segundo a propia Calviño, que reprocha a del Pino “esta falta de compromiso co seu pais”.
A vicepresidenta tivo unha conversa con Del Pino na que lle expresou “nídiamente” o seu rexeitamento á decisión comunicada onte. Fontes gobernamentais apuntaron que “o ministerio agarda coñecer detalles para seguir de preto as posibles implicacións desta errónea decisión”, e engadiu que “se trata dunha empresa que debe todo a España e grazas ao investimento público dos cidadáns españois” e agora asume “esta falta de compromiso co seu país”.
Para o ministerio resulta paradoxal que se anuncie esta posible decisión nun momento de importante atracción de investimento estranxeiro e confianza dos investidores estranxeiros no noso país, e cun proceso de investimento público e modernización sen precedentes en marcha nos sectores nos que está presente o grupo Ferrovial.
A empresa, aproveitando a presentación dos seus resultados anuais propuxo unha fusión entre a súa sociedade matriz e actual Ferrovial International, unha sociedade anónima europea neerlandesas que xa é titular do 86% dos activos da compañía, o que supón o traslado do domicilio social de España a Países Baixos.
Dedicada á xestión de infraestruturas, Ferrovial foi fundada en 1952, acadando en 2021 uns ingresos de 6.778 millóns de euros e beneficios netos de 1.197 millóns de euros. Da emprego a 63.670 traballadores nas divisións de aeroportos, construción, autoestradas e infraestruturas enerxéticas, con presencia mundial, a máis de en España, en Portugal, Polonia, Eslovaquia, Estados Unidos, Canadá, Australia e Nova Zelanda, Chile, Colombia, Perú e Reino Unido.



