A Ecobrigada da Asociación Amicos é, un ano máis, a entidade social encargada pola Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal para efectuar o acondicionamento das cunetas das vías de titularidade municipal. Os traballos comezaron este martes 21 de marzo na zona do Conchido e estenderanse de xeito progresivo a tódolos núcleos do termo municipal co obxectivo de “contribuír a mellorar a visibilidade e a seguridade dos camiños”, informou o Concello da Pobra.
Con relación a isto, a edil Estefanía Ramos (Nós Pobra) manifestou que “as tarefas inícianse sempre na primavera ao coincidir coa época de incremento da flora silvestre e, para a eliminación desta, o Concello conta novamente co referido equipo, reiterando así o seu apoio á inserción laboral de persoas con diversidade funcional”.
A maiores, a Administración local asumiu a adecuación das marxes da estrada de titularidade autonómica AC-305 ao seu paso pola localidade. As persoas operarias da brigada municipal levan xa varios días retirando a vexetación co apoio de maquinaria.
E, nas inmediacións do parque do Castelo, procederase a partir do día 23 de marzo coa poda das árbores, especialmente daquelas cuxas ramas poidan afectar o estacionamento no carril de servizo da rúa Díaz de Rábago.
O Concello engade que queda prohibido aparcar nesa área no transcurso destes labores.




