Na mañá deste martes 28 de marzo a asociación da nosa comarca Amicos presentou todas as actividades que levará a cabo para conmemorar no Barbanza o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra este domingo día 2 de abril. Contarase coa colaboración das asociacións de empresarios de Boiro (ABE), Ribeira, Portosín (AEP), Rianxo (ARE e Somos Rianxo), Pobra e Noia (Noia Histórica) e este ano sumase Zona Aberta Centro Comercial Aberto de Vilagarcía de Arousa.

Un ano máis lanzarase un convite a todos os comercios e negocios da nosa comarca a que decoren de azul os seus establecementos.
Pilar Sampedro, responsábel do Centro Integral Amicos (Boiro) comentou que “é moi importante presentar esta campaña e que coñezan un pouquiño máis sobre as persoas con autismo. O obxectivo da campaña é visibilizar que na sociedade na que vivimos existen persoas que teñen necesidades especiais e diferentes”. Explicou tamén que os colexios, ademais de se decoraren de azul, poden enviar unha mensaxe ou imaxe co símbolo do infinito da Confederación Española de Autismo e “dando renda solta a súa imaxinación”. Finalizou a intervención convidando a toda a cidadanía a que participen no acto que “celebraremos o próximo 31 de marzo, venres, na praza do concello de Ribeira”.

As asociación de empresarios participan nesta campaña coa cesión de 8 vales de 50€ cada un para a realización dun sorteo que incentive a comprar no comercio local. Todas aquelas persoas que compren nos comercios de Boiro, Ribeira, Pobra, Rianxo, Porto Sin, Noia e Vilagarcía entre o 27 de marzo e o 4 de abril entrarán nun sorteo de 8 vales por valor de 50 euros proporcionados pola asociación de empresarios de cada concello. O premio deberá gastarse nos comercios adheridos á asociacións de empresarios. Para participar no sorteo, ademais de comprar no comercio local, deberemos enviar o tícket de compra e co nome completo, teléfono e email ao enderezo electrónico diadoautismo@amicos.org.

Francisco Martínez, presidente da Asociación de empresarios de Ribeira comprometeuse a seguir colaborando na iniciativa: “Espero que coa axuda e a colaboración de todos podamos apoiar a este colectivo”.
Outra das iniciativas consiste en que comercio que mellor decore e ilumine de azul a súa tenda participará de forma gratuíta no calendario solidario 2023 de Amicos. Deberanse compartir as fotos a través do teléfono 697 41 91 10 ou etiquetalas nas redes sociais de Amicos:
• Instagram: @amicosasociacion
• Facebook: @Amicos
• Twitter: @AmicosAsoc
Juan Pombo, residente do Fogar Amicos foi o encargado de reivindicar este ano a todos os seus compañeiros e compañeiras con trastorno autista e convidou a todas e todos os veciños do Barbanza a que envíen as súas imaxes e participen no acto do vindeiro venres.
