A Xunta, o CCG e unha ducia de entidades celebrarán o centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha vintena de actividades

22 Marzo 2023

A celebración (o vindeiro 12 de outubro) do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a institución científico-cultural de principios do século XX integrada por intelectuais galeguistas para estudar e divulgar o patrimonio cultural e lingüístico da nosa Comunidade, será un dos grandes eventos culturais deste ano 2023. Así o fixeron saber en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a secretaria da Real Academia Galega, Margarita Ledo, que expuxeron as actividades previstas. As celebracións serán achegadas pola Xunta, o CCG e unha ducia de entidades e institucións da nosa terra. A axenda vén cunha vintena de accións que se desenvolverán ao longo deste ano e principios do que vén.

Proxecto de país

Na presentación e a respecto da axenda, Rosario Álvarez comentou que se trata “dunha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades” apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Idea na que tamén incidiu Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega quen engadiu que “o Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”. Pola súa banda, Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”.

A programación, que arrinca esta semana e se estende ao longo do ano, pódese consultar nun espazo web creado especificamente para a ocasión, dentro da páxina do Consello da Cultura.

O CCG asumiu as funcións de coordinación ao facilitar o dito espazo web, que acubilla todas as actividades programadas ao longo deste ano, que se poden agrupar en cinco grandes bloques. “A programación busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado”, explicouse na presentación.

A web específica da conmemoración do centenario do SEG

Cinco grandes bloques

O primeiro bloque da programación ten que ver coa investigación e a divulgación e toma a forma de congresos, seminarios e conferencias. As actividades pretenden “evocar o papel e a pegada cultural do labor do SEG e a participación feminina nel, así como a memoria e homenaxe dos principais protagonistas en diferentes localidades”, explicouse.

En outubro, coincidindo co mes en que se fundou o Seminario, concéntranse varias actividades: o Museo de Pontevedra organiza durante ese mes un ciclo de sesións monográficas no que fará un repaso das figuras máis significativas do SEG en Pontevedra; pola súa banda, o Consello da Cultura Galega desenvolverá os días 10 e 11 de outubro outro congreso para afondar nas cuestións históricas e culturais vencelladas ao Seminario.

A segunda liña de traballo son os proxectos expositivos. A Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura, proxecta para xuño a mostra Luz na terra. A obra do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), comisariada por Ramón Villares. A exposición está concibida como celebración do centenario da fundación do SEG, pero tamén como unha posta en valor dunha obra colectiva que tratou de actuar de acordo coas esixencias do seu tempo para lograr a modernización da cultura galega e a súa proxección exterior. A Biblioteca de Galicia peneirará os seus fondos para organizar unha mostra bibliográfica sobre a conmemoración. Ademais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que conserva seis volumes dos arquivos do SEG procedentes dos fondos da Comisión de Monumentos, exhibirá con periodicidade mensual cada un deses volumes no seu proxecto divulgativo A peza do mes.

Os membros do SEG crearon un innovador e xenuíno sistema de investigación que denominaron “xeiras”. As seccións do Seminario acordaban estudar unha comarca e todos os membros dispoñíbeis desprazábanse, arredor dunha semana, para traballar directamente e ao mesmo tempo sobre o terreo, co obxectivo de aplicar un enfoque integral cunha perspectiva multi e interdisciplinar. Visitaban xacementos arqueolóxicos, igrexas, pazos e romarías, realizaban análises xeolóxicas… e o resultado deses estudos recollíase nun volume. Nesta terceira liña de actuación recupérase o espírito das xeiras coa proposta de itinerarios, roteiros e visitas guiadas relacionadas co SEG. A Universidade de Vigo ten programadas dúas xeiras (unha en Allariz e outra en Ribadavia) e o Museo de Pontevedra organiza outra na comarca de Deza. A Universidade de Santiago ofrece dúas visitas guiadas arredor da obra de Isidro Parga Pondal e Luís Iglesias Iglesias polas salas do Museo de Historia Natural da USC, vencelladas coa Sección de Ciencias do Seminario.

A cuarta liña de acción son as publicacións. O Museo de Pontevedra presentará unha edición facsimilar do Romance dunha fatal ocasión, poema dedicado a Castelao polos membros do SEG en 1935. Pola súa banda, a Real Academia Galega (RAG) publicará en dous volumes unha recompilación de escritos sobre o idioma producidos entre 1916 e 1936, dúas décadas que marcaron notables avances para o galego nos que o Seminario tivo moito que ver, xunto ás Irmandades da Fala e o grupo Nós, actores culturais todos eles imbricados entre si. Ademais, a Xunta de Galicia reeditará dous libros: Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos (Edicións do Castro, 1977), que recolle a perspectiva sobre o SEG de distintos persoeiros relevantes da cultura galega; e Terras do Deza, que difunde os traballos de recollida que os membros do SEG fixeron na comarca de Deza e que estaban en proceso de edición antes da Guerra Civil.

O último bloque de traballo son os recursos materiais (audiovisuais, sonoros, documentais…) que permitirán completar a información sobre o Seminario. Dentro desta liña inclúese o portal Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, que incorpora esta semana sete novas entradas, coas que chega xa a 65 biografías de homes e mulleres vencellados ao SEG.

O Seminario de Estudos Galegos

O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), fundado o 12 de outubro en Ortoño (Ames), foi unha institución científico-cultural de máxima relevancia ligada á Universidade de Santiago que integrou, durante os seus 13 anos de vida, a profesores e alumnos universitarios, así como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da Fala.

Estruturada en 14 seccións, a entidade acadou os 200 socios activos e preto de 400 socios protectores, ao tempo que publicou 150 traballos de investigación centrados, sobre todo, na Historia, Prehistoria, Arqueoloxía, Historia da Arte e Etnografía e Folclore. Neste senso, foi a única institución que realizou, de forma continuada e en Galicia, investigacións nas ditas disciplinas, colaborando, ademais, con algunhas das entidades científicas e culturais máis renovadoras da España do momento.

Entre as obras máis destacadas publicadas pola institución cabe citar, no eido da literatura, Cousas I e II (1926-1929), de Castelao, e Na noite estremecida (1926) e A rosa de cen follas (1927), de Ramón Cabanillas; e en ciencias sociais, A Edade do Ferro na Galiza (1924), de Florentino Cuevillas; Síntesis Xeográfica de Galicia (1926), de Otero Pedrayo; As cruces da pedra na Bretaña (1930), de Castelao; o estudo interdisciplinar Terra de Melide (1933) ou o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (1935), de Ramón Sobrino Buhigas.

O Seminario de Estudos Galegos foi unha realidade grazas ao impulso de nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey, Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Oporto”. Alberto Barciela

“Oporto”. Alberto Barciela

Oporto puede seguirse en el sentido serpenteante de un río, o en la vertical de un océano, ascenderse o descenderse por meandros encajados en calles que a veces semejan acantilados, que siempre se precipitan hacia agua, una urbe universal cerca del tiempo que le tocó...