As Feiras do Libro de Galicia arrancarán o vindeiro 21 de abril en Ferrol e percorrerán arredor dunha quincena de concellos galegos ata o mes de agosto. Así o anunciaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, no acto de presentación do calendario deste ano no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O calendario comezará en Ferrol, do 21 ao 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro. Continuará en Santiago de Compostela (do 29 de abril ao 7 de maio), O Porriño (do 11 ao 14 de maio) e en Lugo (do 16 ao 20 de maio). En xuño, a Feira do Libro chegará a Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), e Vigo (do 23 ao 29 de xuño). En xullo estará en Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e rematará en Monforte de Lemos (do 23 ao 26).
Axenda Cultural
Ademais avanzar o Calendario de Feiras, tamén se presentou a posta en marcha da Axenda Cultural online da Federación que se lanza co apoio da Xunta para recompilar a actividade que as librarías galegas desenvolven ao longo do ano, desde clubs de lectura ata presentacións de libros, pasando por eventos infantís ou coloquios. Esta axenda pretende ser “un escaparate para todas as actividades culturais das librarías, permitindo ao público ter acceso nunha mesma web a todas as propostas culturais existentes no gremio”, explicaron, engadindo que tamén se fará unha acción formativa en mes de novembro.



