O Concello de Ribeira, no marco da EDUSI Máis Ribeira Atlántica e ao abeiro do seu traballo para acadar máis sustentabilidade enerxética no termo municipal, dotou ao Parque de Punta do Castro de 40 luminarias LED.

O Parque de Punta do Castro, en Castiñeiras, é unha área recreativa que no ano 2015 foi rehabilitada e recuperada para uso cidadán. Conta con espazos para practicar deporte e zonas de paseo que ata o de agora os veciños non podían gozar en horario nocturno por, segundo explica o Concello, “falta de iluminación adecuada”. Dende o Consistorio engaden que “grazas ás novas instalacións, a contorna dispón agora de 26 luminarias sobre columna e 2 proxectores para as pistas deportivas, xunto con 12 balizas baixas que dan continuidade ás xa existentes nas pasarelas das praias de Castro e de Catía e no posterior paseo do Carreiro”.
As obras foron executadas por Ferrovial, a empresa que resultou adxudicataria do contrato por parte do Concello.
Ribeira + Eficiente
Estes traballos forman parte da liña de actuación Ribeira + Eficiente, mediante a cal o Concello traballa en mellorar e renovar as súas instalacións de alumeado público co obxectivo de lograr un sistema de iluminación máis eficiente que contribúa a unha Economía Baixa en Carbono (EBC).
Deste xeito adecúanse tamén as instalacións aos requisitos e esixencias técnicas establecidas nas normativas e regulamentos de aplicación e, por outra banda, habilítanse novos puntos de iluminación eficiente en localizacións que carecían deste servizo.
Ribeira + Eficiente, explican fontes do Concello, “é unha aposta ambiciosa pensada para situar Ribeira como referente a nivel nacional neste eido”.
Ademais de procurar a redución do consumo enerxético e do impacto ambiental da mobilidade urbana, figuran entre os seus obxectivos un plan de eficiencia enerxética para edificios públicos e a implementación das medidas recollidas no PMUS elaborado en 2014: carrís bici e roteiros a pé.
Tamén se indica a necesidade de “completar a apertura total de Ribeira ao mar coa dotación de zonas verdes e espazos públicos que permitan a conexión visual da localidade co mar”.
Dende o Goberno local explican que a franxa litoral é “unha das prioridades desta liña de actuación” e xa se procedeu á optimización da iluminación mediante intervencións de instalación ou renovación de luces led no paseo de Insuela, no paseo da Ameixida, na contorna portuaria de Aguiño e nas pasarelas das praias de Castro e A Catía e do paseo do Carreiro.
Esta operación enmárcase na EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020 (MRA2020), financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 (actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) FEDER 2014-2020).
Máis concretamente, inclúese nas Actuacións de mellora para unha iluminación eficiente no concello de Ribeira, que se adscribe á Liña de Actuación LA13 de Mellora da Eficiencia Enerxética na Administración Pública, dentro do Obxectivo Temático 4 de Favorecer o paso a unha economía baixa en carbono.
O investimento total previsto para esta actuación é de 500.000 €, do cales 400.000 corresponden a fondos FEDER, mentres que os 100.000 € restantes son achegados polo Concello de Ribeira.




