M.A.- Nova oportunidade do Rotogal Boiro Voleibol para estrear a súa marcadora de puntos. Os de Emilio Palacio reciben este sábado 4 de febreiro (ás 19.00 horas na Cachada) ao Conectabalear
Manacor, un rival que ocupa a novena praza e espreme as opcións para alcanzar a clasificación
para o play off polo título.
Emilio Palacio, adestrador do Rotogal Boiro Voleibol, advirte, que “o Conectabalear Manacor incorporou a dous xogadores novos e vai ser máis difícil que na primeira volta. Se xogamos coma o segundo set en Soria, teremos as nosas posibilidades”.
En principio, os da Cachada non terán baixas para recibir ao conxunto mallorquino. Por outra banda, o técnico desbotou a posibilidade de realizar fichaxes para afrontar a recta final da tempada.
O Conectabalear Manacor asentouse na zona tranquila da táboa a pesar de que o persoal rexistrou moitos cambios con respecto á pasada tempada. O central Joaquín Monteagudo foi incluído no septeto ideal da pasada xornada despois da vitoria que o seu equipo cultivou fronte ao Barça Voleibol (3-0). O receptor Leonardo Salerno e o central Alejandro Ribas son outros dous xogadores que están a destacar na presente campaña.
Precedentes
Tempada 2022-2023
Manacor, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 1
Tempada 2021-2022
Manacor, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 1
Rotogal Boiro Voleibol, 3-Manacor, 0
Tempada 2020-2021
Rotogal Boiro Voleibol, 0-Manacor, 3
Manacor, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 1



