O Centro Social de Escarabote acolleu este mércores 22 de febreiro a presentación do caderno cultural boirense nº14, desta volta centrado na tradición do Enterro do Felipiño de Escarabote, unha publicación que fala dos oitenta anos de historia desta celebración propia do Entroido na parroquia de Lampón.

Na presentación estiveron a concelleira de Cultura, María Outeiral; Lucía Pérez, da Asociación de Veciños Fontenova; e Antía Romero, coordinadora da publicación.
Como dixemos, este caderno cultural nº14 recolle a memoria dos 80 anos de historia do Enterro do Felipiño de Escarabote. O caderno narra os primeiros anos desta tradición, do impulso que lle deu a Asociación Cultural A Trabe e como foi evolucionando e manténdose ata a actualidade. “Estamos moi contentos co traballo que se fixo e que mostra a tradición da nosa parroquia e como ano a ano a xente se involucra por manter vivo o Enterro do Felipiño”, afirmou Lucía Pérez.

Para levar a cabo esta publicación, que contén textos e imaxes, contactouse con moitas persoas da parroquia que ao longo dos anos formaron parte, dunha maneira ou doutra, deste enterro tradicional do Entroido. “É moi importante plasmar en papel a nosa historia, os nosos recordos e o noso Entroido porque somos nós, o pobo, facendo o noso propio entroido”, recoñeceu Antía Romero, coordinadora da publicación.
Os cadernos culturais comezaron no ano 1991 por impulso do técnico Anxo Campos, retomáronse no 2005 por impulso do historiador local Antón R. Gallardo. Este é o terceiro dos cadernos desta nova etapa, impulsada pola Concellería e persoal técnico de Cultura, na que se están a recuperar os entroidos tradicionais do noso municipio e poñer en valor a memoria do pobo de Boiro. “A administración debe estar ao lado destes proxectos que son a historia do noso pobo, uns enterros tradicionais que se celebran en todo o municipio e no que o máis importante é a participación cidadá”, recoñeceu a concelleira de Cultura, María Outeiral.
O Enterro do Felipiño de Escarabote que pon fin ao entroido terá lugar esta fin de semana cun velorio o sábado día 25 no que haberá unha procesión da comitiva polas rúas e tabernas a partir das 16.30h e velorio con Cabina Móbil e DJ Matrek. O domingo 26 foliada de entroido a partir das 12.30h con callos, empanada e doces típicos, ruta de despedida ás 17.30h e responso e queima ás 19.00 horas.
Tamén as outras parroquias celebran este domingo os seus tradicionais enterros con actividades culturais promovidas por entidades culturais e asociacións veciñais: o Enterro do Farruco de Cabo de Cruz, o Enterro do Óso de Abanqueiro e o Enterro da Cunca de Praia Xardín.



