O BNG segue mantendo o seu “apoio incondicional” á veciñanza de Corrubedo nas súas mobilizacións (cada xoves) para lograr unha mellor atención sanitaria no seu Centro de Saúde (a tempo completo). Por este motivo, volveu instar ao Executivo galego a “aplicar as medidas para resolver a situación de colapso e precarización do sistema público de saúde en Ribeira e Corrubedo”.

A concelleira do BNG Cruz Rivadulla, que estivo como tódolos xoves na mobilización que realiza a veciñanza de Corrubedo para demandar médico a tempo completo, afirma que o PP trata de “buscar culpábeis no canto de buscar solucións”. Segundo detallou, “a mellora da sanidade pública galega non se entende sen un aumento do orzamento destinado a Atención Primaria”. Tamén fixo saber que “a OMS recomenda destinar o 25% do total destinado a Sanidade e en Galiza destínase só o 14%”.
Desde o BNG sosteñen que “o alcalde estea de brazos cruzados mentres o Partido Popular está a deteriorar a atención sanitaria no concello de Ribeira con prazas vacantes de persoal médico que non se cobren provocando listas de espera ou desprazamentos desde as parroquias até o colapsado centro de saúde de Ribeira”.

Rivadulla declara que “seguiremos traballando até que se solucionen os problemas na Sanidade pública” e defendeu o plan proposto polo BNG para dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica odontoloxía ou fisioterapia e investimentos comezando por un plan de choque de 200 millóns de euros para reducir as listas de espera así como “comezar a reverter os 2.339 millóns de euros que o PP xa recurtou na sanidade pública dende 2009”, comentou.



