O Auditorio de Rianxo vai acoller este mes de marzo, entre os días 3 e 24 de marzo, a exposición Nocturnidade de Carlos Ocaña Novoa e Raúl Ordóñez Torrado, comisionada por Jerry Ruiz Barzola.
Segundo explica o Concello, Nocturnidade é unha exposición “nacida das casualidades”, onde conversan dous artistas, con diferentes maneiras de expresión. No punto de mira teñen os diferentes significados da palabra nocturnidade, aínda que en primeira instancia fan fincapé na vertente biolóxica do termo, a que se refire ao ciclo de comportamento, no que o animal é máis activo durante a noite que durante o día, vertente que tamén se aplica outros organismos, como as plantas que florecen de noite. A isto cómpre engadir o significado máis xurídico da palabra, que alude a unha circunstancia agravante de responsabilidade, resultante da execución de certos delitos nas altas horas da madrugada.
Segundo informan dende o equipo de comisionado da mostra, “quixemos que as obras nocturnas do fotógrafo Carlos Ocaña os tags e debuxos neoexpresionistas do artista Raúl Ordóñez dialogasen entre eles, á vez que facemos reflexionar sobre a arte urbana, a intervención pictórica na copia dunha imaxe e no delitivo do proceso…”.