Por máis que Tenerife e Gran Canaria se esforcen e Brasil se manteña, e países como Alemaña, Italia (Venecia) ou Francia vivan ao seu xeito o Carnaval que, en Galicia é Entroido ou Antroido, e por máis que en tempos da ditadura franquista tentaran prohibir/eliminar festa tan popular e de carácter relixioso e á vez pagán, ninguén pode discutir a primacía do idioma galego-portugués nesta celebración que en Galicia ten singularidades tan específicas que só en territorio galego-portugués se producen.
Disque existen rexistros que sitúan a orixe do carnaval en 5.000 anos atrás, entre as poboacións sumerias (que por medio dunha grande festa expulsaban os malos espíritos das colleitas) e exipcias (que consagraban estes días ao deus Apis, asociado á fertilidade). Sumemos ao sinalado a aportación romana ás festas posteriores ás celebracións saturnais (adicadas a Saturno) e xa temos a empanada case completa.
Moi relacionada coa relixión, xa en tempos de conexión mercantil e mariña entre Italia e España -en ambos os países ten as súas raiceiras a tradición carnavalesca española- a festa é marcadamente gastronómica, de abundantes banquetes ben regados co viño e con Baco, deus do caos e do viño.
En España remóntase esta celebración á Idade Media, inicialmente vencellada á relixión: a Coresma e a celebración do ben comer e beber antes dos 40 días de abstención. E de aquí, o Carnaval. E derivado del, o Entroido, que seguía e segue vieiros diverxentes dos seguidos en Cádiz e Tenerife, nomeadamente en distintas localidades da provincia de Ourense (onde rompen moldes) e as celebracións marcadamente locais en municipios do Barbanza e a súa tradición choqueira, e a especificidade das “murgas” na capital municipal de Cariño onde nos últimos 30 ou 40 anos colleron o camiño dos disfraces e as comparsas musicais con ritmos brasileiros de samba e batucada.
Lembro un Entroido en Cariño, aló polos finais dos anos 50, con comparsas moi centradas no ámbito local e de dura crítica a persoeiros ben coñecidos, entre estes un cura (non sei exactamente cal) pero si gardo na memoria unha carrola tirada por unha baca e cunha manchea de homes e mulleres que cantaban e bailaban como nunca eu vira para rematar con sátiras diversas sol cura e a súa criada que nin o franquismo nin a Garda Civil ousaban “cortar” polas malas malia a advertencia de prohibición de disfraces e “murgas”.
Quen se atrevía, tamén nesa época, en Ribeira a suprimir a “correa” carnavaleira-entroideira de Juan O Marqués que, sempre coa súa dona (ata que esta finou) facían rir a toda a veciñanza coas súas ocorrencias e xenialidades?. Ou a daquel grupo de mozos que se botaron á rúa, percorrendo a cidade cun carro do que turraban os propios xoves e, riba do carro, unha gaiola -que facía de cárcere- en cuxo interior ía un hoxendía médico, pintor e escritor e, escoltando ese cárcere ambulante, mozos ben coñecidos naquela Ribeira que exerceron posteriormente traballos no ensino, a comunicación, a mariña e mesmo a orde pública. Por certo, o cárcere permitía facer comedia de Caryl Chessman, ladrón, secuestrador e violador en serie, condenado a morte en USA.
Máis, dun ou doutro xeito, a lingua tiña características propias das terras luso-galaicas, que se conservan (e que sexa por moitos anos) xunto coas comparsas e choqueiros da rúa da Torre, na Coruña.