Galicia pide ao goberno central unha solución para a frota do cerco do cantábrico ante a limitación da cota do xurelo

08 Febreiro 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está a defender desde o primeiro momento os intereses da frota de cerco ante o recorte das posibilidades de pesca do xurelo no
Cantábrico e augas de Gran Sol fixado para este ano no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado o pasado mes de decembro. Nesta liña, sinalou que Galicia solicita ao Goberno central unha solución global e uniforme para todo o sector do cerco do Cantábrico afectado por esta limitación -á frota galega engádense a asturiana, a cántabra e a vasca- co fin de garantir a súa viabilidade.
A titular de Mar lembrou que a cota fixada en Bruxelas para esta especie nos caladoiros ao norte de Fisterra é de 15.000 toneladas, das que apenas 3.200 corresponden a España e condicionadas á pesca accesoria. O feito de non poder realizar pesca dirixida entre Fisterra e o golfo de Biscaia complica en gran medida a actividade dos preto de 150 cerqueiros cos que conta Galicia, engadiu.
Ademais sinalou que inmediatamente despois de que se aprobasen as posibilidades de pesca para 2023, a Xunta reuniu ao Consello Galego de Pesca e á súa Comisión sectorial do cerco. Nestes encontros os representantes da Administración galega e da frota constataron a necesidade de que España adopte medidas como unha posible parada biolóxica para todas as frotas do Cantábrico -dado que o axuste nas cotas non só afecta a Galicia senón tamén a Asturias, Cantabria e País Vasco- e a habilitación das
correspondentes axudas co obxectivo de que a súa actividade poida ser rendible.
De feito, explicou a conselleira, así se lle trasladou ao Executivo estatal -que ten as competencias sobre o reparto no caladoiro nacional- na reunión do 21 de decembro entre a Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central e representantes do sector e das comunidades autónomas. Nela Galicia trasladou a súa vontade de colaboración na busca dunha solución satisfactoria para o conxunto da frota.
Ademais Rosa Quintana sinalou que desde ese día se mantiveron dúas xuntanzas máis co sector e outra coa Secretaría Xeral de Pesca para avanzar nas condicións da parada. Con este fin, Galicia remitiu unha proposta unánime sobre estas condicións o 24 de xaneiro sen que polo momento exista resposta.
A estas xestións de apoio á frota do cerco por parte do Goberno galego súmanse as accións previas ao acordo de Totais Admisibles de Captura (TAC) e cotas para este ano, como o informe socioeconómico do impacto que tería a proposta de TAC cero para esta especie realizada pola Comisión Europea antes das negociacións no Consello de Ministros de Pesca da UE de decembro. Este documento foi remitido pola Xunta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Representación Permanente da Unión Europea (Reper) para que o empregasen na defensa dos intereses da frota galega e española.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

Este ano de 2024 celebramos meio século dende aquele Abril dos Cravos, Portugal era uma ditadura, os jovens capitães rebelaram-se e tomaram o poder, sendo um exemplo global ao entregar o poder ao povo.O contra-sinal do levante era “E depois doa deus”, depois a...