Este sábado 11 de febreiro vaise celebrar en Boiro a Gala do Ciclismo Galego, a partir das 20.00 horas, na Casa da Cultura. No evento realizarase a un recoñecemento ás e aos deportistas máis destacados de 2022.

A Gala do Ciclismo Galego recuperará a normalidade previa á pandemia o sábado 11 de febreiro en Boiro. Se no 2022 a Federación Ciclismo Galego (FCG) volveu celebrar a súa gran festa despois da paréntese do ano anterior, pero fíxoo aplicando estritas medidas de prevención sanitaria, desta volta o protocolo principal consistirá en “recoñecer fitos sobranceiros e aos mellores ciclistas da última tempada”, en palabras da federación, que engade que dende as 19:45 horas “a Casa da Cultura Ramón Martínez López acollerá a única xuntanza anual sen bicicletas do pelotón autonómico”.
Polo escenario desfilarán os principais nomes propios da pasada campaña. A FCG entregará os premios correspondentes aos seus rankings de Ciclocrós, Estrada e das especialidades de BTT, así como as distincións ás corredoras e aos corredores que obtiveron postos de podio nos Campionatos de España e nas xerais das copas estatais.
Ademais, no caso do Cross Country Maratón (XCM) coroarase ás gañadoras e gañadores da Copa Galicia, unha cerimonia que se tivo que adiar tras a suspensión da última proba do calendario.
Os outros homenaxeados da gala serán os distinguidos coas mencións especiais.
As convidadas e os convidados deberán confirmar a súa asistencia ao acto antes do próximo martes, 7 de febreiro, no teléfono 986 224 158 / 886 124 871 ou a través do correo electrónico federacion@fgalegaciclismo.es.



