Dar a coñecer os novos programas implantados na Pobra do Caramiñal no ámbito social, facer unha valoración ao respecto e crear rede: estes son os obxectivos de Espazos na lareira, un lugar de encontro para a veciñanza, colectivos e o persoal dos Servizos Sociais cuxa celebración está prevista para o 16 de febreiro, ás 18.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), acompañada de traballadoras/es desta área, explica que a iniciativa xorde para crear comunidade ao tempo que se explican as iniciativas operativas e aquelas que están a piques de entrar en funcionamento, en moitas das cales o Concello, incide, é “pioneiro”. Servirá tamén para recoller as propostas cidadás. Así mesmo, a edil fai fincapé na necesidade de desmitificar o concepto arredor deste departamento; “hai que achegar os Servizos Sociais á rúa.”
Anímase, polo tanto, a veciñanza a tomar parte desta xuntanza. O acceso é libre ata completar a cabida.



