O Concello de Boiro programa actividades para conmemorar o Día de Rosalía. A proposta inclúe obradoiros, unha mesa redonda con escritoras boirenses e unha visita teatralizada á Casa de Rosalía.

O mércores día 23 ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda e lectura de poemas de Rosalía con escritoras de Boiro na que van participar Ana Lojo, Etna W. Crush e Anxos Castro Parada no Centro Social de Boiro. O venres 24 no Pazo de Goiáns a partir das 20.00 horas, visita teatralizada Que pasa ao redor de min? de Os Quinquilláns e presentación do libro Enser de Marcos Lorenzo.
O venres 24 ás 18.00 horas a Casa da Cultura de Boiro acolle uns obradoiros para a rapazada de 6 a 10 anos. Haberá contacontos cos sons Adiós ríos, adiós fontes…; un obradoiro de marca páxinas e outro de Acrósticos. As prazas son limitadas e as inscricións poden facerse na Biblioteca Municipal de Boiro ou a través do teléfono 981 84 84 10.
A visita guiada teatralizada levarase a cabo o vindeiro sábado 1 de abril, sairá de Boiro ás 9.00 horas para visitar o Banquete de Conxo e o Panteón dos Galegos Ilustres; realizar unha visita exterior á casa de Rosalía de Ortoño e un percorrido libre por Padrón antes da comida grupal. Pola tarde continúa o itinerario cunha visitas á Fundación Casa Rosalía de Castro e aos viñedos.
O prezo da viaxe será de 45 euros por persoa, que inclúe todo o itinerario e a comida. É precisa a reserva previa que se pode facer na Casa da Cultura de Boiro, mediante o enderezo electrónico cultura@boiro.org ou o teléfono 981 84 84 25.



