A Pobra conmemora o 11 de febreiro coa oitava edición das Xornadas Muller e Ciencia

02 Febreiro 2023

Co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que se conmemora no 11 de febreiro, A Pobra do Caramiñal mergullarase na oitava edición das Xornadas Muller e Ciencia. Neste ano contará coa participación de expertas no ámbito das matemáticas, a enxeñaría agrónoma e a medicina. A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, sinalaron na presentación desta actividade que o obxectivo é “pór en valor e mostrar o traballo científico e de investigación realizado polas mulleres.”

Os coloquios impartiranse a partir das 17.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O primeiro simposio será A saúde das mulleres, maltratada polas violencias de xénero institucionais, que correrá a cargo de Lola Ferreiro, feminista e doutora en Medicina, cunha ampla experiencia no eido da investigación sobre a saúde mental dende unha perspectiva de xénero e participante en numerosas palestras sobre saúde, violencia de xénero e memoria das mulleres.

Deseguido, a matemática de formación, investigadora e actual responsábel de Dixitalización en Reganosa, Rocío Vega, ofrecerá Unhas ecuacións que nos baixan os fumes, que se centrará nas ferramentas dixitais que axuden a mellorar a eficiencia enerxética e avanzar cara á descarbonización.

Finalmente, a enxeñeira agrónoma Begoña de Bernardo falará da autosuficiencia e a resiliencia en Crises e espolios. Unha mirada desde o ecofeminismo. A relatora é tamén activista e divulgadora, presidenta da asociación Véspera de Nada e membro da Rede para o Decrecemento.

A entrada é libre ata completar a cabida.

A maiores, co obxectivo de favorecer a asistencia das persoas interesadas, organízase paralelamente un espazo de conciliación para crianzas de entre 3 e 12 anos. Habilitarase na aula de estudo situada no andar superior da Biblioteca Municipal e estará atendido por monitorado. Trátase dun servizo de balde que require a inscrición previa no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6, ou achegándose ata as dependencias dos Servizos Sociais e da Igualdade, fronte á Casa Consistorial.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...