A ABE (Asociación Boirense de Empresarios) puxo en marcha unha nova campaña de promoción comercial, desta volta centrada en incentivar as ventas nos negocios asociados con bonos de xeito análogo ao Bonos Activa Comercio da Xunta. Ao abeiro desta nova iniciativa, a entidade porá a venta 200 caixas de bonos #negocios10 que teñen un valor de 50 € pero que ao cliente só lle custan 40€, “polo que levan 10 euros de regalo como aliciente para que sexan usados nos establecementos asociados”.

As 200 caixas poranse á venta o 1 de marzo as 9:00 horas da mañá nas oficinas da ABE ata esgotar existencias. O presidente da ABE, Daniel García, explicou na presentación da campaña que só se pode mercar 1 caixa por persoa, de maneira presencial e en efectivo. Tamén recordou que os bonos #negocios10 son “unha caixa que contén 10 vales de compra de 5€ que son válidos para gastar en calquera das 200 empresas asociadas a ABE entre o 1 de marzo e o 15 de abril”. Cada caixa, dixo, tamén contén un listado con todos nos negocios onde se pode usar dende roupa e calzado, alimentación, electrodomésticos, decoración, reformas, climatización, xogueterías, librarías, tinturarías, gasolineira, transporte, bares e cafeterías, restaurantes, ocio nocturno, turismo rural, saúde e benestar e un largo etcétera. Tamén quixo facer especial fincapé en que con esta campaña “pretendese incentivar as compras nun período onde o consumo é baixo para acadar mais de 10.000 € de retorno en compras nos negocios da localidade”

Para finalizar, o presidente amosou o deseño da nova bolsa de algodón orgánico da ABE que será entregada con cada unha das 200 caixas de bonos #negocios10 “para que os clientes dos nosos negocios poidan utilizala para mercar neles e promocionar o consumo local”.

A presentación tamén acudiu o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que quixo “felicitar e apoiar o traballo da asociación a prol dos negocios locais con esta nova iniciativa de promoción comercial”. Ademais, confirmou que trala petición realizada pola ABE “o estacionamento público do Concello será gratuíto polas tardes durante toda a campaña de #negocios10 para fomentar a afluencia de clientes a zona comercial e fomentar as compras nas tendas boirenses nunhas datas onde, como indicaba o presidente da ABE, o consumo é baixo e cumpre adoptar accións que o fomenten”.
García confirmou que as bases da campaña xa poden consultarse na Rede.




