Tres detidos en Noia en relación á onda de roubos en comercios e hostalería do Barbanza

03 Xaneiro 2023

O Equipo Territorial de Policía Xudicial (ETPJ) da Garda Civil de Noia en colaboración coa área de Investigación da Compañía e a Policía Local de Noia, detivo a tres veciños desa localidade como presuntos autores de oito delitos de roubo na explotación da segunda fase da operación Letimovil, aínda que se investiga a súa posible relación con outra ducia de roubos cometidos nos últimos meses.

Segundo informa o Instituto armado, a mencionada operación, “tutelada desde o seu inicio polo Xulgado de Instrución número 1 de Noia, iniciouse no mes de agosto do ano pasado ante a proliferación de roubos en establecementos públicos da comarca do Barbanza, o que xerou unha gran alarma social sobre todo no sector hostaleiro”.

Durante o desenvolvemento da mesma procedeuse á detención nunha primeira fase de 6 persoas desa localidade como presuntos autores de 21 delitos de roubo, aínda que todos os indicios conducían á existencia doutro grupo criminal que operaba na mesma zona polo que o ETPJ continuou coa operación.

DETENCIÓN “IN FRAGANTI” E 2ª FASE DA OPERACIÓN

Segundo a información remitida pola Garda Civil, “no transcurso da segunda fase os efectivos actuantes estableceron diferentes operativos de vixilancia na zona, logrando sorprender in fraganti o pasado 28 de decembro na localidade de Noia a unha das compoñentes do grupo cando levaba a cabo un roubo nun establecemento de salón de peiteado da localidade, dándose á fuga un segundo compoñente do grupo”.

A detención desta persoa, xunto coa provisión de indicios recolleitos durante os últimos meses “propiciou a explotación da segunda fase culminada coa detención de tres persoas, coñecidas das forzas de seguridade por ilícitos da mesma índole, como presuntos autores de oito delitos de roubo, aínda que os efectivos actuantes sospeitan de que poidan estar relacionados con outros doce máis, polo que se continúa coas pescudas para o seu esclarecemento”.
Para os investigadores, “o coñecemento que estas persoas tiñan da zona ao ser naturais e residentes da localidade, así como a súa dilatada actividade criminal, permitíalles a realización dos ilícitos con rapidez, dado que normalmente subtraían diñeiro en efectivo e pequenos obxectos fáciles de transportar e ocultar”.

Tras a detención dos presuntos autores xunto coas evidencias obtidas na investigación, solicitouse á Autoridade Xudicial un Mandamento de Entrada e Rexistro en domicilio. Unha vez obtida a mesma, “procedeuse ao rexistro de tres domicilios de Noia, achando no seu interior varios dos obxectos subtraídos e unha importante cantidade de diñeiro en efectivo procedendo á súa incautación”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión