O Concello de Dodro achegou un completo programa de propostas para este Nadal, actividades que puxeron o foco na cultura, os deportes, a solidariedade e a participación. A axenda, elaborada polos departamentos de Cultura, Deportes e Servizos Sociais, Igualdade e Relacións Veciñais, activouse o pasado 20 de decembro coa visita do Apalpador ao CRA de Dodro (as escolas agrupadas de Bexo, Chenlo, Vigo e Lestrobe) e proseguiu coa Algueirada de Nadal no Pavillón de Deportes. O día 5 de xaneiro, o concello recibirá a visita das Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, a partir das 17.00 horas no Pavillón de Deportes. Haberá animación musical, agasallos, lambetadas e moita diversión. O día 8 está programada unha gala solidaria cunha actuación musical para recoller alimentos e axudar ás familias con menos recursos. O festival benéfico de Dodro dará comezo ás 17.00 horas, na igrexa de San Xián de Laíño.

Ademais, o día 9 de xaneiro iníciase o segundo semestre das Escolas Deportivas Municipais, no Pavillón de Deportes (inscricións abertas o día 13), que inclúen actividades infantís, para maiores de 15 anos e para a poboación sénior do concello e persoas con mobilidade reducida.
En xaneiro tamén comezan os obradoiros de envellecemento activo e de memoria para maiores de 55 anos. Será nos locais municipais en Traxeito, Lestrobe, Imo, Tallós, Teaio e Bexo.
