O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local Natalia Prieto, o concello de Porto do Son para coñecer as melloras realizadas nos últimos anos na casa consistorial ao abeiro da Orde para a creación ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. No percorrido, Calvo anunciou que este xoves 19 de xaneiro se publicará no Diario Oficial de Galicia a convocatoria correspondente a 2023, que mantén o orzamento de 3,5M€ no marco do compromiso do Goberno galego coas administracións locais.
Segundo explicou, a través desta liña de axudas a Xunta colabora cos concellos nas obras relacionadas coas redes de luz pública, a pavimentación de camiños e os parques infantís, así como as executadas nos edificios ou dependencias municipais. Neste último caso, inclúese tamén como gastos subvencionables a adquisición de equipamento, como mobiliario e material informático ou audiovisual. O financiamento pode chegar a cubrir ata o 80% do presuposto do proxecto.
A medida vai dirixida aos concellos que teñan menos de 30.000 habitantes de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal e poderán optar a ela de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar ata dúas solicitudes, sempre que unha sexa de xeito individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Deberán corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias actuacións. A partir da publicación da orde, os potenciais beneficiarios disporán dun mes para enviar as solicitudes.
Melloras no concello de Porto do Son
Diego Calvo sinalou que no caso do concello de Porto do Son, a Xunta destinou nos últimos anos 75.000 euros a melloras no edificio consistorial ao abeiro desta liña de axudas. As achegas permitiron reformar no ano 2020 o segundo andar, onde se sitúa a Concellaría de Servizos Sociais, e o pasado ano, mellorar a eficiencia enerxética das oficinas de persoal e secretaría. Os investimentos ascenderon a 40.000 e 35.000 euros respectivamente. A maiores, a través dun convenio, o Goberno galego colaborou na mellora enerxética da planta baixa, cunha achega de 90.750 euros, máis do 60% do custo total, de 145.283 euros.
Para o vicepresidente segundo, a orde para a mellora de infraestruturas municipais é unha das liñas que pon de manifesto o compromiso da Xunta coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Trátase así de “garantir o equilibrio no territorio entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, a prol do desenvolvemento económico de toda a xeografía e que a veciñanza teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia”, engadiu.
Neste marco de acción, ao longo de 2022 financiáronse en Galicia 108 actuacións, a maioría relacionadas coas melloras nos edificios ou dependencias municipais. Os 30 proxectos deste tipo supuxeron unha achega superior aos 812.102 euros. Destacan tamén as 29 actuacións en parques infantís por case 959.362 euros, co obxectivo de ofrecerlles ás familias e á rapazada espazos de lecer.
Para mellorar a calidade de vida nos núcleos rurais dos municipios tamén se concederon 24 axudas para a pavimentación de camiños públicos, que sumaron 890.746 euros, e 18 relacionadas coa posta en marcha ou o acondicionamento de instalacións deportivas municipais, cunha achega global de 603.153 euros. Os sete proxectos restantes combinaron distintas tipoloxías e representaron unha suma de 226.523 euros.
A provincia da Coruña foi a que máis axudas recibiu, con 31, seguida de Ourense, con 27, e de Lugo e Pontevedra, con 25 cada unha delas.
