Santiago acolleu este luns 16 a entrega de premios do certame I-Comercio. Idea o teu comercio, iniciativa do Goberno galego destinada a mostrar e reivindicar entre as novas xeracións a importancia do comercio de proximidade e os seus retos, moitos deles tecnolóxico-dixitais. Participaron máis de 700 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO de 50 centros educativos das catro provincias. Na cita de luns fixeron acto de presenza o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o de Cultura e Educación, Román Rodríguez. Premiáronse iniciativas innovadoras e transformadoras, como por exemplo a iniciativa Rustics Heat de accesorios artesanais elaborados con obxectos atopados no litoral (crebas).

Premios por modalidades
Os premios Idea o teu comercio! artelláronse en modalidades con tres equipos gañadores en cada unha delas, que recibiron un diploma acreditativo para cada estudante participante e unha pantalla interactiva para o centro educativo.
-Na primeira categoría, na que había que idear novos proxectos relacionados coa alimentación e artigos de primeira necesidade, resultaron premiados o IES San Paio de Tui, co proxecto Verdemiño, unha aplicación móbil que axuda a ter unha horta propia, así como a vender os excedentes cultivados, ademais dun espazo onde cultivar por encargo sementes propias; o IES Primeiro de Marzo de Baiona, co proxecto Agrobai, un espazo onde os agricultores da contorna poden levar os seus produtos e o consumidor pode adquirilos; e o IES Carral, co proxecto Pandireta, empresa que pretende achegar o pan de Carral a todos os puntos de España.
-No que respecta á categoría dedicada a proxectos relacionados co mundo da arte, a cultura, o entretemento, a tecnoloxía e a innovación, resultaron premiados o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, cun centro comercial formado por tendas e produtos 100% galegos; o IES Tomás Terrón Mendaña, de Carballeda de Valdeorras, coa aplicación móbil Autorrego, innovador regador automático que se controla a través dunha ferramenta para dispositivos; e o IES Auga da Laxe de Gondomar, que ideou unha tenda de deportes na que nun só espazo se pode mercar patíns e deslizarse pola pista.
-Por outra banda, na categoría de téxtil, complementos, fogar, bricolaxe e xardín, o xurado recoñeceu o traballo do IES As Insuas (Muros), coa iniciativa Rustics Heat, de accesorios artesanais fabricados con materiais reciclados das costas galegas; o IES Virxe da Cela de Monfero, co proxecto Flowers Coruxou, de prendas sustentábeis con estampados de figuras icónicas como os toxos, os grelos ou as ortigas, e o IES Coruxo de Vigo, con Golden Fashion, unha tenda na que deseñar, personalizar, remozar ou reciclar a roupa.




