O IX Premio Concepción Arenal recoñece tres traballos dos CEIP de Outes e María Pita e do IES Rosalía de Castro

31 Xaneiro 2023

Os traballos Tecendo igualdade, do CEIP Plurilingüe de Outes, na categoría para educación infantil; Mulleres que abren camiño nas artes, do CEIP María Pita, da Coruña, na categoría para educación primaria; e Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras, do IES Rosalía de Castro, de Santiago, na categoría de secundaria, son os gañadores do IX Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero. O certame está convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

Reunión do xurado do certame

De Tecendo igualdade, o xurado destacou “a capacidade de identificación de estereotipos sexistas impulsando e fomentando os talentos STEAM, empoderando especialmente ás nenas en tarefas de corte científico e tecnolóxico, en sinerxía cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábeis (ODS) da axenda 2030 da ONU, así como a coordinación do profesorado e da comunidade educativa, promovendo unha participación conxunta nas diferentes accións previstas”.

O comité avaliador salienta en Mulleres que abren camiño nas artes a súa “capacidade descritiva, con moitas actividades creativas e innovadoras de fomento da coeducación”. No referido a Mulleres de Compostela: tras os pasos das nosas pioneiras, o xurado valora “a colaboración do profesorado de distintas disciplinas cunha capacidade de transversalizar o fomento da igualdade de xénero e a procura de referentes históricos que abriron camiños na toma de conciencia dos dereitos conseguidos, historias fascinantes de loita e discriminación”.

O xurado, presidido pola responsable provincial de Igualdade, María Muíño, formárono Eva Ovenza Pereira, técnica de igualdade da Deputación da Coruña; Renée De Palma Ungaro, profesora titular da UDC no departamento de pedagoxía e didáctica e secretaria do centro de estudos de xénero da Universidade da Coruña, e María Anxos Romero Barreiro, profesora do IES Rafael Puga Ramón, docente especializada en educación e igualdade de xénero. Actuou como secretaria Carolina Buhigas Jack, xefa da sección de Servizos Sociais da Deputación.

A esta edición do certame presentáronse dez proxectos: catro na categoría para educación infantil, tres na categoría para educación primaria e tres na categoría para educación secundaria.

Outros artigos

O Pazo da Mercé, na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra

A Lista Vermella do Patrimonio que mantén actualizada online a asociación Hispania Nostra denunciando o estado de abandono dos tesouros da xeografía española, vén de engadir un novo inmóbel do Barbanza aos seus rexistros, que sumar á Casa da Cadea (A Pobra) e a...

+

110 persoas participaron na ruta rosaliana As Pegadas de Rosalía

Os concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón organizaron este pasado sábado, 14 de setembro, unha saída pola ruta rosaliana que transcorreu polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. A ruta comezou no Pazo da Peregrina, en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión