O pleno de Porto do Son aprobou o pasado 13 de xaneiro (cos votos a favor do PP e en contra do PSOE e do BNG) os orzamentos municipais para este exercicio que comeza e que, como avanzamos dende o Barbanza, medran con respecto aos anteriores até superar os 11,77 millóns de euros, implicando unha suba do 15 %, é dicir, 1.560.852 euros máis.
As razóns deste incremento para 2023 variadas, e débense en parte a unha máis frutífera participación do Executivo local nos fluxos de transferencias, investimentos e empréstamos das diferentes administracións. Tamén soben os gastos que afrontar polo Consistorio, entre os que se conta o de persoal (o 25% do orzamento, que aumenta pola suba salarial do 2,5 % estipulada na Lei de Orzamentos Xerais do Estado e o 1,5 % de incremento correspondente aos atrasos do 2022).
Pola súa banda, o gasto social sitúase nos 949.083 euros, cunha suba do 30 % na contía dirixida ao SAF, o Servizo de Axuda no Fogar; e os investimentos (máis da terceira parte da partida total) póñense nos 4.269.000 euros, un 20% máis. Salientan neste capítulo proxectos como a rehabilitación da Casa de Ríos (arredor de 500.000 euros para destinala a salón de plenos e Museo do Traxe Galego) ou a substitución das luminarias municipais por equipamentos sustentábeis (563.000 euros). Outro dos capítulos relevantes é a materialización do plan de ordenación do futuro polígono, con 123.420 euros. Tamén salienta o desenvolvemento dos plans especiais de protección e rehabilitación da contorna antiga de Porto do Son (unha superficie de 91.288 metros cadrados) e do núcleo rural de Outeiro (32.956 metros cadrados).
En materia de saneamento, porase o foco no núcleo de Nebra, co ramal O Couto-Agrelo-O Curro (248.880 €), na contorna suroeste da Atalaia (59.395 €), no núcleo de Cans (119.213 €) e en Castrallón (91.355 €). Tamén será acometida a posta a punta da depuradora de Xuño (93.657 €) e a habilitación de fosas sépticas en Basoñas (49.963 €).
Rehabilitación da Casa de Ríos
Sen dúbida un dos máis destacados proxectos municipais de Porto do Son dos que van coller corpo este ano 2023 é o proxecto para converter a Casa de Ríos en Museo do Traxe, iniciativa que vén de ser obxecto dunha subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos. O proxecto, que segue o ronsel doutras iniciativas previas de recuperación urbanística, arquitectónica e cultural do Concello como a remodelación integral da fachada marítima da vila sonense, recibirá 241.500 euros dos ditos fondos PIREP, conformándose un orzamento total de 504.000 euros (grazas tamén ás achegas do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o IGVS, que contribúe co investimento restante).
Por certo que amais do Museo do Traxe, o inmóbel, situado na avenida de Galicia, tamén dará acollida ao novo salón de plenos da Corporación local.

Trátase dunha antiga casa mariñeira de importante valor histórico e patrimonial, catalogada no Plan Xeral de Ordenación Municipal, características que serán mantidas e potenciadas no proxecto (coa conservación da fachada tradicional mariñeira e dos muros exteriores, entre ouros elementos). O plan de traballo prevé concentrar a meirande parte dos traballos de remodelación no interior, poñendo o foco en recursos que garantan a sustentabilidade e accesibilidade do inmóbel.

Segundo fixo saber o ano pasado a tenente de alcalde, María Maneiro, o obxectivo é poñer en valor este edificio como “un espazo público” e que se garanta un servizo flexíbel e variábel, que sirva tamén como salón de plenos da Corporación (que a día de hoxe véñense celebrando no Centro de Interpretación del Castro de Baroña), e como recinto expositivo da nosa tradición téxtil. De feito, segundo confirmou Maneiro, a Asociación do Traxe Galego (moi vencellada a Porto do Son) colaborará amplamente co proxecto, e farao de primeiras cedendo unha parte relevante da súa colección.
