O Concello de Boiro deu o impulso definitivo á adxudicación do contrato para a adquisición de puntos de recarga para vehículos eléctricos no aparcamento da praza de Galicia. A compra dos mesmos vaise levar a cabo no marco do proxecto para a modernización do Centro Comercial Aberto de Boiro, financiado con fondos Next Generation.

O obxectivo desta adquisición é dotar dos ditos servizos ao aparcamento público da praza de Galicia, o máis céntrico e próximo á zona comercial. “A instalación destes puntos non soamente vai contribuír á modernización dos servizos do aparcamento, senón que promove a utilización de recursos que reduzan as emisións de gases e mellora do medio ambiente”, salientou o alcalde José Ramón Romero.
A proposta de instalación destes dispositivos aprobouse xa polo pleno da Corporación e os puntos de recarga de vehículos eléctricos foron xa adxudicados. Serán instalados nas vindeiras semanas no aparcamento público.
Esta adquisición foi realizada ao abeiro dunha subvención que o Concello de Boiro recibiu por importe de 237.641 euros da Secretaría Xeral de Industria, dependente do Ministerio de Industria e Turismo, financiada con fondos Next Generation UE, para o impulso comercial e a modernización mediante a transformación dixital sustentábel nos mercados municipais. Mediante esta subvención fináncianse outras accións como o a instalación dunha máquina recicladora no Mercado Municipal. adquisición de bolsas e envases compostábeis para o comercio, servizos e formación ou melloras no Mercado Municipal.



