O Concello de Boiro, a través do departamento de Medio Ambiente, activou no ano que vimos de deixar atrás un programa de saúde pública e ambiental destinado á medición do gas radon no termo municipal. Para este labor, o departamento dispón de catro medidores, dous deles que emprega o alumnado do IESP A Cachada e outros dous que cede á veciñanza para instalar nos seus domicilios e medir os niveis en diferentes puntos do termo municipal. Ao longo deste período (2022), fixéronse 27 medicións e os resultados, segundo informou o Concello, “arroxan unha clara diferenza dos niveis deste gas nas distintas zonas”.
Así, as medicións realizadas nas zonas de Boiro, Abanqueiro, Escarabote e Castro mostran “uns resultados medios de risco baixo” e, pola contra, as medicións realizadas en Bealo, Macenda e Cespón arroxan “un risco medio e alto de gas radon”.
O Concello engade que os resultados das avaliacións dependen de “moitos factores” como son a localización dos fogares ou os propios materiais construtivos polo que “dous fogares da mesma zona poden guindar valores diferentes”. Porén, “resulta importante obter os primeiros datos con estes medidores, así como a primeira información de como proceder e a onde dirixirse para ter medidas máis exactas no caso de alto risco”, afirmou o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus.
O edil engadiu que os datos obtidos ata o momento “non permiten aínda obter uns resultados precisos dos niveis en cada zona pero séguense a recompilar datos, que se irán sumando aos resultados obtidos polo IESP A Cachada para elaborar un mapa do radón municipal con maior detalle”. A veciñanza interesada pode solicitar o medidor no departamento de Medio Ambiente ou máis información sobre os estudos que se levan a cabo por distintas entidades para medicións máis pormenorizadas.