O Concello de Boiro convoca unha nova edición das bolsas a estudantes para o curso 2022/2023. A xunta de Goberno local celebrada este mércores 25 aprobou as bases da convocatoria polas que se van destinar un total de 8.000 euros, “un aumento do 63,75% mais en comparación coa convocatoria anterior”, salientou o concelleiro Raúl Treus, engadindo que a nova achega de axudas conta con dúas liñas, unha para persoas que cursan estudos postobrigatorios tales como o bacharelato, estudos técnicos ou superiores fora do termo municipal; e outra liñas para estudos postobrigatorios dento do termo municipal.
Estas bolsas están destinadas a persoas de entre 21 e 27 anos que non están cubertas pola Tarxeta Xente Nova da Xunta de Galicia e que non tivesen repetido o curso anterior ou que, tendo máis de 16 anos conten con informe dos Servizos Sociais.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles logo da publicación das bases da convocatoria no Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. As persoas solicitantes deberán achegar copia da matrícula, copia do contrato de alugueiro e documentación que acredite a nota media e a porcentaxe de créditos matriculados no curso anterior.
O Boletín Oficial da Provincia publica este xoves 26 de xaneiro as bases e convocatoria das axudas polo que o prazo de presentación de solicitudes abre este venres e será de quince días hábiles.



