O Concello de Ribeira vén de aprobar e adxudicar catro actuacións enfocadas “a mellorar o barrio de Abesadas” e que teñen que ver “coa accesibilidade e a seguridade viaria”, informaron fontes do Consistorio, engadindo que dunha banda actuarase no parque de Abesadas, xa que presenta na actualidade “un firme de saburra deteriorado”, debido sobre todo ás chuvias do inverno, que deron arrastrado a capa superficial do pavimento e xeraron abundantes fochas e disgregacións no mesmo.

O Concello explica que “é preciso renovar o pavimento actual empregando un material mais duradeiro, como o formigón, dado que ademais esta zona soporta un tránsito de peóns moi elevado ao estar nunha contorna con importante actividade comercial e rodeada de aparcadoiros disuasorios”. Esta intervención foi adxudicada a Construcciones Anspal por un importe de 25.582,96 euros.

Amais, vaise mellorar a pavimentación asfáltica da rotonda da Poutada e das vías lindeiras, xa que non se atopan en bo estado, con algunhas fochas e disgregacións que “supoñen un perigo para a circulación rodada”. Por este motivo procederase ao seu pavimentado cunha capa de aglomerado en quente tipo AC22 surf D. As obras correrán a cargo da empresa Nemesio Ordóñez S.A. comportando un investimento de 27.439,42 euros.
Por último, vaise dotar de iluminación un dos estacionamentos disuasorios alí enclavados no barrio, unha actuación que recaeu na empresa Ferrovial e supón un investimento de 781,89 euros. Ademais, este aparcamento gratuíto de 2.600 metros cadrados de superficie tamén será asfaltado con aglomerado, proseguindo coa intervención iniciada no pasado outubro, pois xa foi nivelado e acondicionado con saburra.




