Barbantia celebra o 27 de xaneiro a súa asemblea xeral e a presentación do novo libro de Antón Riveiro Coello

13 Xaneiro 2023

A Asociación Barbantia, referente cultural da nosa comarca, vai celebrar o vindeiro 27 de xaneiro a súa asemblea xeral ordinaria. Será ás 18.30 horas no Auditorio do Rianxo, comezando cunha primeira convocatoria e estando prevista o comezo da segunda para as 19.00 horas. A orde do día será a seguinte: lectura e aprobación da acta anterior, estado de contas para a súa aprobación, cambios na xunta directiva (eleccións), resumo da memoria anual de 2022, planificación do programa de 2023, informe de subvencións e a aprobación de socias e socios.

Os actos de Barbantia proseguirán na mesma xornada do 27, tamén no Auditorio rianxeiro, coa presentación da nova achega literaria do escritor barbanzán de adopción (aínda que natural da Limia) Antón Riveiro Coello, o libro de relatos Días da intemperie. Participarán, ademais do autor, Milagros Torrado, secretaria da A. C. Barbantia, Xesús Laíño, vogal da A. C. Barbantia, Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia e Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo. A cita literaria contará cunha intervención plástica a cargo de Alfonso Costa. A vertente musical da apertura e do peche virá da man da Escola de Música de Rianxo. Este acto está enmarcado nos Actos Castelao 2023 que organiza o Concello de Rianxo e cuxo programa incluímos máis abaixo.

Ficha de Días da intemperie (ficha de Galaxia)

Os coidados, a fidelidade, a homosexualidade, a covardía, a vinganza, a suplantación de identidade,

O amor polos libros, o contrabando ou a orfandade son algúns dos temas que compoñen este libro estremecedor onde o pano de fondo sempre é a guerra.

Como xa fixera en As Rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes, Antón Riveiro Coello pon de novo os seus personaxes en situacións límite para que nos ofrezan o mellor e o peor de si. Relatos duros que nos enfrontan co espello para sabermos o lugar que poderiamos ocupar en conflitos tan diversos como os que acollen estes relatos. E tanto ten que a guerra se desenvolva en Ucraína, Siria, Rusia, Vietnam ou na raia seca ourensá. O importante nestas historias é o resultado conmovedor dunha escrita poderosa que, unha vez máis, ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa.

Outros artigos

Abertas as inscricións para a nova Andaina San Silvestre Rianxo

BeOne Rianxo Piscina Municipal de Rianxo organiza unha nova edición da Andaina San Silvestre Rianxo. Será o 31 de decembro a partir das 10.00 horas. A distancia a percorrer será de 12 quilómetros. As inscricións están abertas e teñen un custe de 10 euros máis a achega...

+

O Nadal vivirase tamén nas parroquias da Pobra

As parroquias do termo municipal da Pobra do Caramiñal gozarán tamén de actividades de Nadal dirixidas á rapazada que impulsa a Concellaría da Participación Veciñal. A edil Amparo Cerecedo manifestou que o se busca é “descentralizar as accións lúdicas do núcleo urbano...

+

Este sábado celébrase en Araño a segunda edición da Muiñada do Te

Este sábado 2 de decembro imos ter unha actividade cultural, medioambiental e family-friendly na parroquia de Araño, en Rianxo. Estamos a falar da segunda edición da Muiñada no Te, organizada pola Asociación Veciños Araño en colaboración co Concello de Rianxo e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

“O falar das pedras”. Luís Celeiro

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando...