A Xunta reuniu ao redor dunha trintena de alcaldes, concelleiros e técnicos municipais costeiros co fin de presentarlles o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia (Lolga)

17 Xaneiro 2023

A Xunta reuniu hoxe en Santiago a ao redor dunha trintena de alcaldes, concelleiros e técnicos municipais de concellos costeiros de toda a Comunidade co fin de presentarlles o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia (Lolga) e resolver as posibles dúbidas ou cuestións que poidan ter ao respecto da súa aplicación práctica e das repercusións para os seus respectivos municipios.
Acompañada pola secretaria xeral Técnica, Carmen Bouso, e a catedrática da Universidade da Coruña e membro do Observatorio do Litoral de Galicia, Marta García, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia e o impacto positivo da futura norma para os 82 concellos costeiros galegos, xa que será a primeira coa que contará a Comunidade co fin de regular os usos e actividades ao longo dos seus máis de 2.000 km de costa.
Tras recordar que desde o primeiro momento a Xunta foi da man das entidades locais no impulso e na redacción desta lei, a responsable autonómica indicou que “son os concellos os que moitas veces sofren as consecuencias das interpretacións tan restritivas que nos últimos anos” estaba a facer Costas do Estado sobre as actividades que podía albergar esta franxa, bloqueando mesmo o desenvolvemento de novos proxectos ou posibles cambios de uso de construcións localizadas en dominio público.
Ao respecto, explicou que a lei impulsada pola Xunta pretende acabar con esta inseguridade xurídica que afecta aos titulares de concesións sobre instalacións localizadas na franxa costeira a través dunha definición clara e adaptada ás singularidades de Galicia dos usos e actividades que se permiten, destacando aqueles considerados estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico do litoral.

A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse a unha recente sentenza relacionada coa concesión dunha licenza municipal en Camariñas para rehabilitar unha vivenda na zona de tránsito e servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e reconvertela en casa de hóspedes.
Segundo explicou, a decisión do Concello foi recorrida polo Goberno central pero a finais do ano pasado a Xustiza deulle a razón tanto ao Goberno local como á Xunta, que tamén se persoou no procedemento para defender o criterio interpretativo aplicado para outorgar a licenza. “O que pretendemos é que os técnicos municipais teñan seguridade á hora de informar calquera proxecto”, resumiu Ángeles Vázquez.
Precisamente e tendo en conta o papel clave que terán os concellos na aplicación práctica da futura lei, a conselleira animou aos responsables municipais a enriquecer coas súas achegas o anteproxecto —en trámite de información pública ata o 20 de xaneiro— xa que co seu impulso o que busca a Xunta é clarificar e facilitar tamén o exercicio das competencias dos concellos na franxa costeira.
Nesta liña, lembrou que son eles os que elaboran, aproban e xestionan os instrumentos de ordenación urbanística e tamén se encargan do deseño e execución de certas actuacións consideradas estratéxicas na futura lei, como poden ser as sendas litorais ou a concesión de licenzas para rehabilitar e destinar a uso turístico edificacións preexistentes e que polo seu valor histórico ou arquitectónico merezan ser preservadas.
Así mesmo, incidiu en que esta norma foi concibida “para todos os galegos e galegas” co fin de promover unha ordenación da costa acorde coa realidade da Comunidade e que combine a protección medioambiental, o desenvolvemento económico e o respecto dun modo de vida historicamente ligado ao mar. Neste sentido, asegurou en que a nova Lei de ordenación do litoral “non vai contra ninguén”, senón que defende os intereses de Galicia desde a “plena capacidade para lexislar e regular a franxa costeira” da Xunta. “É unha lei que non se extralimita. Ten aval constitucional e estatutario e céntrase unicamente nas competencias que nos outorga o Estatuto de Autonomía”, declarou.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada dos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e en Ferrol, Martina Aneiros, participa nun encontro informativo cos concellos costeiros sobre o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral. foto xoán crespo

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

“25 abril medio século de história”. Manuel Dominguez

Este ano de 2024 celebramos meio século dende aquele Abril dos Cravos, Portugal era uma ditadura, os jovens capitães rebelaram-se e tomaram o poder, sendo um exemplo global ao entregar o poder ao povo.O contra-sinal do levante era “E depois doa deus”, depois a...