A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) entrega este martes 17 de xaneiro ao mediodía os premios da súa Campaña de Nadal, cuxos destinatarios foron dados a coñecer a semana pasada pola entidade empresarial que preside Daniel García. Os galardóns entregaranse oficialmente este martes ás 13.45 horas na sede da ABE (no 85 da avenida da Constitución). Participarán os integrantes da directiva da asociación e máis o seu presidente, Daniel García. Entregaranse 3.000 euros repartidos nun premio de 1.000 e dez de 200.

Segundo fixo saber a patronal boirense os días pasados, o balance de participación na campaña non puido ser máis positivo: rexistráronse 7.082 tíckets de compra na aplicación de sorteos, correspondentes a compras de 1.431 clientes nos establecementos asociados. “Este dato”, explicaba a ABE a semana pasada, “supón un récord absoluto en calquera das nosas campañas e afianza a aposta da entidade por utilizar métodos dixitais nos sorteos e promocións que realiza”.
Catalogo de premios
A ABE lembrou tamén que durante todo o ano os clientes poden seguir rexistrando tíckets para acadar premios do catálogo de puntos que está sempre dispoñíbel para consultar na web da entidade, www.abe.gal. Para coñecer os puntos os clientes reciben con cada rexistro un correo no que se lles indican os puntos conseguidos con ese tícket e o seu saldo acumulado. Ademais, desde ese mesmo correo poden acceder a consultar o catálogo de agasallos e pedir o cambio dos seus puntos.



