Ribeira presenta unha extensa programación de accións descentralizadas e diversas para celebrar o Nadal

14 Decembro 2022

A concelleira María Sampedro presentou este 14 de decembro a axenda municipal de actividades para o Nadal en Ribeira, un extenso e diverso programa de programas que arrinca este venres 16 co Festival de Nadal de Amas de Casa que será benéfico a favor de Cáritas Parroquial de Ribeira. O programa terá continuidade ao día seguinte, sábado 17, co Festival de Nadal de Bailadela. “Será unha axenda para animar as rúas, núcleos e parroquias de Ribeira”, sinalou a edil de Cultura.

Segundo engadiu, o programa Nadal Cultural desenvolverase sobre todo en horario de tarde “con propostas e accións para todos os públicos”, con especial aposta por aquelas actividades de carácter infantil-familiar e tamén con accións e festivais impulsados “polo noso tecido social e entidades culturais”, como as devanditas propostas do 16 e o 17.

Tamén o sábado 17 está previsto un contacontos especial para bebés de 0 a 3 anos no Centro Cultural Lustres Rivas con dous pases, un ás 11.45h e outros ás 12.30h, e o domingo 18 na Aula de Música de Aguiño celebrarase o festival da Asociación Musical Sons do Mar e cunha actuación do grupo A Misela na Igrexa de Bretal.

Sampedro recalcou que a gran protagonista será, con todo, a poboación infantil, cunha programación gratuíta no Auditorio Municipal ás sete da tarde, dende o luns 26 de decembro ata o 4 de xaneiro diferentes espectáculos, comezando por Axudante de Papá Noel, proxeccións de cine como o filme Donkey Xote, actuacións de maxia co Mago Paco, propostas de monicreques como Un nadal cheo de contos e Sabela e o paxaro máxico da compañía Tarabelos, así como espectáculos musicais a cargo de Musicreques ou de Gallaecia Eventos coa función Cantando con Pinocho. Para pechar as propostas no Auditorio tamén se contará o 7 de xaneiro co Festival de Tahume.

Nesta edición volverase a abrir de novo as portas do Espazo Municipal de Usos Múltiples con diferentes actividades baixo o nome Nreda no Nadal. Alí os días 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro, e 4 e 7 de xaneiro haberá de xeito gratuíto inchábeis, obradoiros de globoflexia, mascotas animadas, animación musical e tamén uvas de gominola o 31 para para festexar o fin de ano infantil, e unha Festa de Reis o día 7. Neste mesmo recanto estará habilitado o Espazo Concilia no que as familias poderán deixar aos nenos e nenas mentres realizan as súas compras de Nadal.

Así mesmo, volverá funcionar o Recuncho de Nadal na praza de Porta do Sol. A casiña de madeira abrirá as súas portas ao Apalpador, a Papá Noel e ao Carteiro Real dende o 23 de decembro para que os máis pequenos poidan achegarse a visitar a estas personaxes e deixarlles as súas cartas e desexos. Ademais recibirán rifas de balde para o sorteo dos tres agasallos que como é habitual sortean os Reis Magos o día da Cabalgata dende o balcón do Concello.

Os días máis destacados, como son o sábado 24 de decembro e o sábado 31, o Nadal tamén sairá á rúa. Haberá parques de inchábeis na rúa Galicia, o tren expresso de Oriente percorrendo a cidade, así como ruadas musicais coa charanga Fanfarria Furruxa.

Ademais, o sábado 24 está programada unha sesión vermú do grupo local Rockolas, o venres 30 ás nove e media co grupo Blow, e o 7 de xaneiro outra sesión vermú do grupo SabelasNotas.

Nesta edición darase un protagonismo especial ás actuacións musicais e, ademais das rúas musicais, preparouse un programa de concertos de Nadal e animacións de rúa que estarán espallados por todas as parroquias do municipio e que contarán ao remate con chocolatada de balde para os asistentes ata esgotar existencias. Comezarán as actuacións o domingo 18 na igrexa de Bretal coa Misela de Noia, o mércores 21 en Carreira estará a charanga Os Celtas da Baña, e continuará o xoves 22 en Castiñeiras, o venres 23 en Ribeira co concerto da nosa coral municipal na igrexa parroquial, o domingo 25 de decembro celebrarase o Nadal en Corrubedo cun concerto dos Liantes, o mércores 28 chegará a música a Palmeira, o xoves 29 a Oleiros, o venres 30 en Aguiño na igrexa parroquial e rematarase en Artes o domingo 8 de xaneiro coa Rondalla Moraima.

Tamén haberá programación infantil en todas as parroquias co programa Nadal Pelegrín que estará viaxando por todas elas polas tardes dende o 26 de decembro, que arrancará en Palmeira, ata o 4 de xaneiro que rematará en Aguiño. O Nadal Pelegrín achegará inchábeis, unha visita do Carteiro Real, obradoiros infantís e un espectáculo sorpresa ademais de música e baile. Os nenos e nenas que acudan ás actividades recibirán unha rifa para participar no sorteo dos agasallos que realizarán os Reis Magos o día da Cabalgata dende os balcóns do Concello.

Ademais, en todas as parroquias a veciñanza volverá contar cos puntos municipais de recollida de soños coas caixas de correo de Nadal.

A axenda tamén contará co II Festival de Inverno con actuacións de rap e DJ e coa festa de Noitevella prevista para a última noite do ano na zona de Bandourrío coa música do DJ Chupas e Mateo Abelleira.

Durante o Nadal continuarase co programa expositivo na Sala do Centro Cultural Lustres Rivas e o venres 23 de decembro está prevista a inauguración da exposición Solpor na ría de María José González Area ás sete da tarde.

A programación tamén incluirá o 5 de xaneiro a visita do Bus Real ás parroquias coas súas maxestades e a celebración da Cabalgata de Reis, da que o Concello dará máis información nos vindeiros días.

Outros artigos

Ambar inaugura no Museo do Gravado de Artes a exposición “Acotío”

Este venres 7 de novembro o Museo do Gravado de Artes acolleu a inauguración da exposición Acotío, unha mostra que reúne oito pezas de gravado en punta seca realizadas por artistas da área de arte da Asociación Ambar. A exposición é o resultado final dun obradoiro...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un simple Basurero en Alemania”. Jose Mateos Mariscal

“Un simple Basurero en Alemania”. Jose Mateos Mariscal

Un español en Alemania opina que todo el mundo merece la oportunidad de construir una buena vida, independientemente de dónde haya nacido o de cuándo o cómo haya emigrado. Cuando las personas toman la difícil decisión de abandonar sus hogares, buscan seguridad,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.