
Os Concellos da nosa comarca están a poñer todo da súa parte para ofrecernos as máis completas axendas de actividades para este Nadal. Dende Outes veñen de informar dunha gran xornada de celebración para recibir a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Será o 5 de xaneiro deste ano 2023 dende a mañá.
A axenda inclúe a recepción de Melchor, Baltasar e Gaspar no Pavillón Municipal da Serra en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 18.00 horas. A saída da comitiva real está prevista para as 18.00, nas rúas da Serra. Ao remate do desfile, segundo informa a área municipal de Cultura, haberá unha chocolatada na praza de Galicia. Por certo que en caso de choiva suspenderase o desfile e o programa de actividades limitarase á recepción. As inscricións para as carrozas cómpre facelas a partir do luns 12 de decembro no teléfono 981 850 950 (a partir de 4 anos, até completar o aforo).



