Finalmente a banda boirense Mallou resultou a ser a agrupación gañadora do XIV Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. Na gala final do certame o dúo Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou na gala Berto nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo, e houbo unha actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, que interpretaron un tema dedicado a el.

Mallou son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou “a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas”. E engadiu: “Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades”.
O xurado elixiu os finalistas entre máis das trinta propostas recibidas. Está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo (tamén xestora cultural); e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

O evento puido seguirse en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. O Concurso Fran Pérez Narf de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor que lle dá nome ao certame. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
Pola súa banda, Madalena Gamalho é unha vocalista e compositora que destaca “pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta”. Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá. Está a presentar o seu álbum de estres, Invento, xunto o músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que “convidan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music”, destacou o xurado.
Noar é un proxecto de Iago Marta e & Rubén Fernández de quen o xurado salientou “a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal”. Comeza a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo (Ao vivo) en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.



