O Concello de Boiro centra a súa programación de Nadal na Carpa Solidaria, na que haberá recollida de alimentos. As actividades comezan este venres 23 de decembro cun festival solidario impulsado por The Cuncas e Cáritas coa colaboración do Concello de Boiro no que participan agrupacións locais. Na presentación do evento estiveron a concelleira de Cultura, María Outeiral; o representante de Cáritas, Elias Romero; e o representante de The Cuncas, Manu Sobral; tamén participaron Rubén Tarela, do grupo Turbina e Juan Pérez de The Cuncas.

O venres 23, na carpa situada na praza de Galicia, celebrarase un Festival da Cultura Solidaria no que haberá actividades durante todo o día co obxectivo de que as persoas asistentes entreguen alimentos non perecedoiros para doar a Cáritas. “Este proxecto é importantísimo porque ten unha finalidade solidaria, a recollida de produtos de primeira necesidade, pero tamén serve para dar visibilidade á labor que Cáritas realiza durante todo o ano axudando a familias necesitadas do municipio”, afirmou a concelleira de Cultura, María Outeiral.
O programa de actividades previsto para este día 23 comeza ás 11.00 horas coa actuación de balé de Cen Pliés; ás 12.00 horas terá lugar un espectáculo de animación infantil co Apalpador e Monifates; ás 13.00 horas, actuación do combo jazz da Escola de Música de Boiro; e ás 14.00 horas actuación de DJ Matrek.
A programación continúa pola tarde cun serán tradicional ás 17.00 horas no que van participar Abeloura, Os Pequenos do Barbanza, A Dorniña de Abanqueiro, Xilbarbeira, As da Boina, Aroña e Nunca é Tarde; ás 18.00 horas haberá unha chocolatada co grupo Turbina; ás 18.00 horas concerto da Banda de Música de Boiro e os CEIP Santa Baia, Santa María do Castro e Abanqueiro; ás 20.00 horas Bruno DJ e o programa remata ás 21.00 horas con The Cuncas.
“Esta iniciativa busca xuntar a grupos e colectivos de todo o municipio e facelo cunha finalidade solidaria”, recoñeceu Manu Sobral. “Con isto queremos concienciar da importancia de ser solidarios durante todo o ano, recollendo alimentos básicos ou produtos de hixiene e limpeza que son necesarios durante todo o ano”, afirmaron dende Cáritas.
A programación de Nadal na Carpa Solidaria comeza este xoves 22 de decembro ás 19.30 horas co concerto da Escola de Música de Boiro e continúa a próxima semana. A programación completa de Nadal está dispoñíbel na web municipal, www.boiro.gal.


